Trump chámalles "covardes" aos países da OTAN por non axudar no estreito de Ormuz
"Sen Estados Unidos, a OTAN é un TIGRE DE PAPEL!", asegurou
O presidente dos EUA, este venres nun acto con militares en Washington ( REUTERS/Evelyn Hockstein)
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cualificou como "covardes" os países membros da OTAN por non colaborar para abrir o estreito de Ormuz en plena guerra estadounidense en Irán.
"Non queren axudar a abrir o estreito de Ormuz; unha simple manobra militar que constitúe a única razón deses elevados prezos do petróleo. Algo tan fácil de facer para eles, e con tan pouco risco. COVARDES, e nós LEMBRARÉMOLO!", escribiu este venres o mandatario na súa rede Truth Social.
Trump considerou que os países da Alianza Atlántica "non quixeron unirse á loita para deter un Irán con capacidade nuclear. Agora que esa batalla foi GAÑADA militarmente, con moi pouco perigo para eles, quéixanse dos altos prezos do petróleo que se ven obrigados a pagar", agregou.
"Sen Estados Unidos, a OTAN é un TIGRE DE PAPEL!", asegurou.
Esta semana, o estadounidense criticou a OTAN e a Australia, O Xapón ou Corea do Sur despois de que estes rexeitasen a súa petición de crear unha coalición militar para asegurar a navegación na ruta por onde pasa ao redor do 20% do comercio marítimo global de hidrocarburos, ao responder que esta non é unha guerra que eles iniciasen.
Trump afirmou que as nacións da Alianza Atlántica informárono de que "non desexan involucrarse" na guerra lanzada polos EUA onda Israel, "malia que case todos os países están firmemente de acordo nas nosas accións e que consideran que non se pode permitir que Irán posúa armas nucleares".
Durante unha reunión co primeiro ministro irlandés, Micheál Martin, asegurou o martes que a OTAN está a cometer "un erro moi parvo" ao non acudir ao seu chamado e cuestionou a lealdade do bloque con Washington.
Nunha serie de mensaxes en Truth Social, Trump dixo como "o país máis poderoso do mundo" non necesita "a axuda de ninguén", porque EUA logrou "minguar o Exército iraniano".