Trump ameaza o Canadá cun arancel do 100% se firma un acordo coa China
O presidente dos EUA asegura que o xigante asiático vai "devoralo por completo" e destruír o seu estilo de vida
Trump en Davos a pasada semana. REUTERS/Jonathan Ernst
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, ameazou este sábado o Canadá cun arancel do 100% se conclúe un acordo comercial coa China.
O mandatario asegura na súa rede social que se o primeiro ministro canadense, Mark Carney, "cre que vai converter o Canadá nun punto de entrada para que a China envíe bens e produtos aos Estados Unidos está moi equivocado".
"A China tragarase o Canadá, vai devoralo por completo, incluíndo a destrución das súas empresas, o seu tecido social e o seu estilo de vida en xeral. Se o Canadá asina un acordo coa China, impoñeráselle inmediatamente un arancel do 100% a todos os bens e produtos canadenses que entren aos Estados Unidos", engadiu na súa mensaxe en Truth Social.
Esta semana, afirmou no Foro Económico Mundial, celebrado en Suíza, que "o Canadá existe grazas aos Estados Unidos".
Pola súa banda, Carney respondeu que os canadenses son os "donos" no seu fogar e que a súa nación pode ser un exemplo de que o mundo non ten por que ceder ante as tendencias autocráticas.