Tres feridos leves nun incendio propagado nun edificio de vivendas en Nova York
O Departamento de Saúde aconsellou evitar a exposición ao fume pechando as xanelas e reducindo a actividade ao aire libre
Imaxe do incendio en Nova York / France Press
Polo menos tres persoas resultaron feridas leves nun grave incendio que se propagou este martes nun edificio de apartamentos do barrio Upper West Side, en Manhattan, segundo informou o Departamento de Bombeiros da cidade.
O lume iniciouse sobre as 8:20 da mañá hora local nun edificio de seis plantas. Nunha conferencia de prensa, Paul Miano, do Servizo Médico de Emerxencia do Departamento de Bombeiros, indicou que dous residentes e un bombeiro foron trasladados ao hospital por lesións leves.
Ademais, un dos residentes non podía baixar as escaleiras por si só, e tivo que ser rescatado polos bombeiros e o persoal paramédico. O xefe de Operacións do departamento, Kevin Woods, destacou que o edifico afectado non estaba protexido axeitadamente contra posibles incendios.
Pouco despois do inicio do lume, o Departamento de Bombeiros elevou a 4 o nivel de alerta do incendio, do que aínda se descoñecen as causas. As lapas calcinaron a azotea e as xanelas da última planta do edificio, e unha parte ao lado esquerdo da estrutura derrubouse, o que causou unha choiva de entullos sobre a rúa.
O Departamento de Saúde da cidade aconsellou evitar a exposición ao fume pechando as xanelas e reducindo a actividade ao aire libre. A Administración de Emerxencias solicitou autobuses á Autoridade Metropolitana de Transporte para albergar os residentes evacuados.