Detidos por supostos delitos fiscais os donos duns negocios de venda de coches en Padrón
Compraban coches de alta gama en concesionarios oficiais da zona e tamén vendían de importación
Levaban anos no sector cun negocio na Escravitude e hai unha semana abriron outro na Picaraña
Os arrestados, dous homes e unha muller de orixe romanesa, rexentaban dous negocios de venda de coches no Concello de Padrón. Hai unha semana inauguraron un deles ao pé da estrada nacional que conecta este municipio con Santiago de Compostela. No interior da nave tiñan coches de luxo, entre eles un Mercedes de 99.000 euros.
"Aquí tiñan os coches de gama alta. Empezaron agora en febreiro e está a policía alí e rebentaron a porta e todo".
"Levan aquí unha semana. Tiñan un negocio máis abaixo e agora puxeron aquí este de coches de alta gama".
No outro negocio, na explanada que está ao pé da estación de servizo de Repsol na mesma estrada, levaban anos vendendo vehículos.
"Aquí teñen tamén coches de importación".
Os detidos son coñecidos no sector e tamén entre os veciños da Escravitude e A Picaraña.
"Son xente complicada. Son romaneses e parece que non hai papeis. Non sei que problemas hai cos coches pero aquí hai un movemento tremendo e ven a policía cada dous por tres. Non sei como vai acabar isto".
Ultimamente tamén tiñan nas dúas naves vehículos con matrículas de fóra, moitos deles de países do Leste. Os responsables destes negocios foron detidos supostamente por delitos fiscais.
"Hai coches de alta gama, con matrículas españolas e hai un par deles con matrícula estranxeira".
O operativo da Garda Civil, que comezou este luns, continuou a primeira hora deste martes con rexistros no chalé acaroado en que vivían os arrestados de alugueiro en Teo, dende haberá un ano. Non se relacionaban cos veciños, pero tampouco deron nunca que falar, salvo polos coches.
"Os mesmos coches que venden aquí, usábanos eles para moverse".
"Porsche e Audis..., coches de máis de 100.000 euros e eran mozos novos".
Os rexistros estendéronse despois aos dous negocios de compravenda que teñen na estrada nacional 550.
"No rexistro creo que non estaban presentes pero levaron documentación e mesmo traían cans para rexistrar".
A Garda Civil segue este martes revisando coches, que van retirando para quedar baixo custodia do xulgado.