Cinco detidos e 22 persoas investigadas en Galicia por suposta actividade incendiaria
Este domingo foron detidos unha muller de 81 anos e un home de 61, os dous na provincia de Ourense
A Fiscalía galega sinala que se consolida un novo perfil de incendiario que actúa "por vandalismo" e non por intereses concretos
A actuación policial e da Benemérita contra os incendiarios intensificouse nas últimas dúas semanas e está a xerar resultados concretos. Son cinco as persoas detidas e 22 as investigadas. Hoxe foi detido un veciño de Petín, de 61 anos, como presunto autor de dous lumes e unha muller de 81 anos, veciña de Ourense, por dous conatos de incendio en Celanova. Fontes oficiosas indican que o número de detidos se vai incrementar sensiblemente nas próximas semanas, segundo avancen as investigacións.
As autoridades insisten en que os que causen incendios non quedarán impunes e, de feito, a Fiscalía de Galicia lembraba esta mesma semana que insta a pedir prisión provisional para os supostos autores dos lumes. O obxectivo é evitar que reincidan. A Fiscalía subliñou que as dificultades para reunir probas non deben impedir a solicitude de medidas cautelares contra os sospeitosos.
É coñecido o caso do agricultor da Gudiña detido polo incendio de Oímbra que arrasou 5.000 hectáreas e queimou tres bombeiros. Tratábase neste caso dunha imprudencia grave ao realizar labores agrícolas. Pero á marxe desta casuística está a consolidarse un novo perfil de incendiario. A propia Fiscalía fala de persoas, algunhas en plena mocidade, que actúan por simple vandalismo ou por maldade. Ese perfil vai substituíndo o das décadas precedentes: un home de mediana idade, da zona, que causaba os lumes para gañar pastos, limpar áreas con moita matogueira ou por simples vinganzas veciñais.
Un gabinete específico da Garda Civil funciona no CECOP de Ourense para centralizar a información e as investigacións, que cada día contan con máis datos para deter os incendiarios.