Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha traíña mixta de Esteiro participa por primeira vez na liga de veteranos

Unha traíña mixta de Esteiro participa por primeira vez na liga de veteranos

Mulleres e homes reman xuntos na Esteirana

G24.gal 29/05/2022 17:24 Última actualización 29/05/2022 17:34

Por primeira vez, unha traíña con tripulación mixta, homes e mulleres remando xuntos, participa na liga de veteranos. É a de Esteiro, en Muros. Non renuncian a conseguir tripulación suficiente para compoñer unha traíña de mulleres e outra de homes pero, mentres chega ese día, din que esta é unha competición para gozar.

A traíña da asociación Esteirana de Remo participa na liga de remo veterana. E faino cunha tripulación mixta. É a única das seis participantes que levan mulleres aos remos.

"Somos mixta e novata. Temos certos puntais que o ano pasado remaron na liga A, que xa é outro nivel físico, e están aí apuntalando, pero temos un equipo tremendo".

Algún dos tripulantes da Esteirana leva 20 anos nas traíñas pero para outros e outras é a primeira vez. É o caso de Carmiña, moi afeccionada porque os seus fillos xa competían, pero ela colleu o remo con 50 anos ben cumpridos. E está contenta.

"A primeira regata da liga chegamos e o trato era un pouco así... Na segunda xa nos saudaban, na terceira moito mellor e xa estamos incorporados como un equipo máis.".

A tempada remata o mes de xuño. Este sábado competiron na casa cunha tripulación de nove homes e catro mulleres aos remos, e mais a patroa. A embarcación de Tirán gañou a bandeira pero a de Esteiro non quedou de última.

"Unha vez que empezas a competir a todo o mundo lle gusta gañar, a ninguén lle gusta ser o último. E hoxe gustaríanos gañar, xogamos na casa e gustaríanos quedar canto máis alto mellor, pero os rivais tamén veñen a iso.".

"Teñen que asumilo e darlle brasa para seguir gañando porque estamos aí e en breve imos collelos a todos. Non imos dar tregua.".

Gozan da competición mentres chega o día en que haxa tripulantes dabondo para candansúa traíña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade