Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tráfico despexa dúbidas sobre a baliza V-16, obrigatoria a partir do 1 de xaneiro

Tráfico despexa dúbidas sobre a baliza V-16, obrigatoria a partir do 1 de xaneiro

A nova sinalización substituirá os triángulos e ten por obxecto reducir os atropelos e protexer a quen se atopa en situacións de emerxencia

Eduardo Parra/Europa Press Eduardo Parra/Europa Press
EFE 26/11/2025 08:41

A pouco máis dun mes de que entre en vigor a obrigatoriedade de levar no vehículo a baliza luminosa V-16 para sinalizar avarías e accidentes na estrada en substitución dos triángulos de emerxencia, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) aclara dúbidas e trolas difundidas nestas semanas en redes sociais.

Nun comunicado, Tráfico deixa claro que a nova sinalización ten como obxectivo reducir a posibilidade de accidente, pois cada ano falecen en España ao redor de 25 persoas atropeladas na estrada despois de baixaren do vehículo, moitas delas mentres tentaban sinalizar unha avaría ou colocar os triángulos.

Segundo o director xeral de Tráfico Pere Navarro, a V-16 conectada supón un salto adiante. "Os triángulos cumpriron o seu papel durante 26 anos, pero a evolución tecnolóxica permítenos seguir progresando. O noso compromiso é reducir os atropelos e protexer a quen se atopa en situacións de emerxencia".

Que vehículos están obrigados a levala?

Os vehículos que deberán levar este dispositivo para sinalizar unha avaría ou incidencia na estrada a partir do 1 de xaneiro, son turismos, furgonetas, autobuses, vehículos mixtos, camións e conxuntos de vehículos non especiais.

No caso das motocicletas, aínda que non existe obrigación, a súa utilización resulta moi aconsellable.

Como funciona?

A V-16 funciona de maneira totalmente autónoma grazas unha tarxeta SIM integrada, sen necesidade de teléfono móbil nin aplicacións externas. As compañías de telecomunicacións non cobran adicionalmente por este servizo, xa que a normativa garante unha conectividade mínima de 12 anos incluída no prezo.

A baliza debe gardarse cargada na guanteira ou noutro lugar accesible dentro do vehículo.

Onde se coloca?

No caso de ter que usala, a baliza debe situarse desde o interior do coche na parte máis alta posible do vehículo.

No caso de que non se poida colocar no teito do vehículo, como é o caso dos autobuses e camións, pódese poñer na porta do condutor.

Unha vez acesa e colocada no alto do vehículo, á vez que emite o sinal luminoso, transmite de forma automática a localización exacta do vehículo avariado á plataforma DXT 3.0., de modo que outros condutores que circulen pola zona reciban esta información a través dos seus navegadores, aplicacións ou paneis.

Que deben facer os ocupantes do vehículo?

Unha vez activada e de acordo coa normativa, se o vehículo está inmobilizado sen posibilidade de reemprender a marcha, os ocupantes deberán abandonar o vehículo, sempre que exista un lugar seguro fóra da vía de circulación.

Deberán saír do vehículo polo lado contrario ao fluxo de tráfico sen transitar ou permanecer nos carrís ou beiravías que conforman a dita plataforma.

Se non puidesen abandonar o vehículo con seguridade, permanecerán dentro con cinto abrochado.

Por tanto, corresponderá ao condutor valorar se é posible saír ou non do vehículo en condicións de seguridade.

Que modelo de V-16 compro?

A DXT sinala que hai máis de douscentos modelos de V-16 conectadas, con prezos variables que fixa o propio mercado.

Unha maneira sinxela e rápida para que o cidadán saiba se a baliza que quere adquirir está homologada e certificada é entrar na web da DXT, no apartado de V-16, onde aparecen as marcas e modelos certificados por IDIADA ou LCOE, que son os laboratorios técnicos autorizados que ratifican que os modelos cumpren coa normativa esixida.

Dez trolas sobre a V-16

A implantación da V-16 conectada xerou dúbidas alimentadas por informacións erróneas ou incompletas, na súa maior parte en redes sociais. A DXT aclara estas dez loias.

1.- A V-16 non será realmente obrigatoria. É falso. A obrigatoriedade está fixada no Regulamento Xeral de Vehículos e entra en vigor o 1 de xaneiro de 2026. Desde esa data, a V16 conectada será o único elemento válido para sinalizar vehículos inmobilizados, por motivos de seguridade viaria.

2.- A V-16 xeolocalízame todo o tempo ou envía os meus datos persoais. É falso, só transmite a localización do vehículo ao activarse e unicamente con fins de seguridade. Non rexistra a velocidade nin fai seguimento ningún nin tampouco transmite datos persoais nin pode identificar a matrícula.

3.- Calquera V-16 conectada serve. É falso, só son válidas as balizas homologadas e publicadas na listaxe oficial da DXT tras superaren ensaios certificados. Deben incluír o nome do laboratorio e o número de certificado gravado na tulipa. Usar un dispositivo non certificado non é válido nin seguro.

4.- Necesítase unha app ou un móbil para funcionar. É falso, a V-16 xa inclúe no seu interior todos os elementos necesarios para o seu correcto funcionamento, como son un chip GPS e unha tarxeta SIM non extraíble e sobre redes de telecomunicacións de ampla cobertura. Non require aplicacións adicionais, teléfonos nin emparellamentos. Basta con acendela e colocala no exterior do vehículo.

5.- Haberá que pagar unha cota pola conectividade. Non, é falso, porque a conectividade está incluída no prezo. As operadoras non cobran ao usuario, e a normativa esixe unha dispoñibilidade mínima de 12 anos sen custo adicional.

6.- Non funciona en túneles ou zonas sen cobertura. Falso. A baliza emprega redes IoT especializadas capaces de operar en condicións difíciles. Nos casos en que nin sequera estas redes estean dispoñibles, a baliza seguirá funcionando como sinal.

7.- A V-16 chama ao 112 ou ao guindastre. Falso, a V-16 non chama a emerxencias nin determina a natureza do incidente. A súa función é unicamente sinalizar e enviar a posición do vehículo.

8.- Os triángulos seguen sendo máis seguros. Non é certo porque obrigan a abandonar o vehículo e camiñar como mínimo 100 metros pola calzada para colocalos, o cal aumenta o risco de atropelo.

9.- Se viaxo ao estranxeiro e teño que inmobilizar o meu vehículo teño que usar os triángulos. É falso, todos os vehículos españois que circulen polos países asinantes da Convención de Viena, entre os que se inclúen Portugal, Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, etc., poderán usar a baliza.

10.- Multas ata 30.000 euros. É falso. A infracción por non levar a baliza V-16 é leve e a súa sanción é de 80 euros, mesma cantidade que a establecida para o que non levase os triángulos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade