Publicador de contidos

Publicador de contidos

Todas as comunidades, agás Cataluña, rexeitan a proposta de financiamento autonómico

Todas as comunidades, agás Cataluña, rexeitan a proposta de financiamento autonómico

María Jesús Montero defende que o novo sistema "beneficia a todas" as comunidades e non está feito para contentar a Cataluña

A proposta precisaría a maioría no Congreso para saír adiante e o Goberno non conta cos apoios necesarios

(EFE/JJ Guillén) (EFE/JJ Guillén)
G24.gal 14/01/2026 14:52 Última actualización 14/01/2026 16:46

O cumio sobre o novo sistema de financiamento autonómico que propuxo o Goberno, celebrado este mércores entre a vicepresidenta María Jesús Montero e os conselleiros autonómicos de Economía, terminou co rexeitamento á proposta de todas as comunidades salvo Cataluña.

A práctica totalidade dos conselleiros autonómicos expresaron a Montero o seu desacordo co novo sistema, e tamén o seu malestar por que fora o líder de ERC, Oriol Juqueras, quen o anunciase tras reunirse con Pedro Sánchez na Moncloa.

A reunión, tras máis de catro horas de debate, estivo centrada fundamentalmente en que Montero expuxese os detalles do novo sistema, que necesitaría a maioría absoluta no Congreso para entrar en vigor.

O conselleiro de Economía e Facenda de Murcia, Luis Alberto Marín, ou a conselleira de Madrid, Rocío Albert, expresaron tras o encontro que todas as comunidades autónomas participantes, agás Cataluña, manifestaron o seu desacordo.

Miguel Corgos, o conselleiro de Facenda da Xunta, trasladou á saída da reunión que "esta proposta a día de hoxe só consiste nun anuncio de incremento de recursos para todas as comunidades, como se estivésemos nun saldo".

Corgos criticou que as cifras non teñen un soporte detrás e cuestionou "a xénese do modelo", xa que non lles permitiron participar no seu deseño e déronllo "xa feito".

O conselleiro dixo que "o que afecta a todas as comunidades autónomas débese negociar entre todas", e ofreceuse a negociar un novo modelo "nun eido multilateral".

Montero nega que sexa un modelo para contentar a Cataluña

A ministra de Facenda e vicepresidenta primeira do Goberno, María Jesús Montero, afirmou este mércores que é "mentira" que se pactou "unha cota separatista" na nova proposta de financiamento autonómico.

"É falso que este sexa un modelo ideado para contentar a Cataluña", apuntou nunha rolda de prensa tras o cume sobre o novo sistema de financiamento autonómico que propuxo o Goberno.

Segundo Montero, o modelo é "máis solidario" que o anterior. O sistema "beneficia a todas" as comunidades e "garante a suficiencia", asegurou a ministra, xa que achega 20.975 millóns de euros para as comunidades autónomas, unha cantidade da que o Goberno prescinde para que as comunidades xestionen os servizos públicos como sanidade, educación e dependencia.

Desa cantidade, afirmou, máis de 15.000 millóns van asignados a comunidades autónomas onde goberna o Partido Popular. "O dato fala por si só, por tanto, de que se hai un partido político que se beneficia destas medidas, sen dúbida é o PP", dixo.

A vicepresidenta explicou que, tras a proposta, vai empezar a traballar coas comunidades autónomas para pactar a reforma e convertela en lei, e unha vez que estea escrita reuniranse cos grupos políticos.

A futura lei non a aproban os territorios senón os partidos políticos nas Cámaras, lembrou a ministra, quen chamou ao PP para cambiar de opinión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade