Tito Díaz: "Alguén terá que asumir responsabilidades por esta suspensión"
O director xeral do Breogán valora o acontecido en Miribilla

Unha avaría nos marcadores de vinte e catro segundos provocou a suspensión do partido que estaba previsto para esta tarde entre Bilbao Básket e Breogán. Na cancha vasca estaba a Radio Galega, que puido coñecer de primeira man a postura do conxunto lucense a través do seu director xeral, Tito Díaz.
"Estamos gafados. Os equipos están obrigados a ter repostos. O Bilbao di que llos pediu á empresa e que non llos deu. Alguén terá que asumir as responsabilidades disto. Nós levamos aquí dende onte, viñeron 500 afeccionados dende Lugo. Terá que ser o comité de competición o que decida".
Tito Díaz tamén recoñece que non houbo máis opcións que a suspensión do partido.
"A ACB di que non se dan as condicións para xogar. Non nos deron opción a falar co rival, a poder xogar mañá. Ten que ser o árbitro de competición o que decida. Isto supón que pasaremos máis dun mes sen xogar, logo teremos que disputar moitos partidos entre semana. Veremos que solución se toma".