Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tíjola garda silencio pola morte de Maite a mans da súa parella

Tíjola garda silencio pola morte de Maite a mans da súa parella

O presunto agresor entregouse pouco despois de localizarse o corpo da vítima

Os fillos da parella, de 22 e 19 anos, están a recibir atención psicolóxica

G24.gal 28/05/2022 18:04 Última actualización 28/05/2022 20:57

Veciñanza e administracións uníronse este sábado no minuto de silencio convocado polo Concello de Tíjola (na provincia de Almería) para condenar a morte de Maite, unha muller de 50 anos asasinada presuntamente a golpes polo seu home.

O alcalde, José Juan Martínez, cualificou o crime de "feito deleznable" co que o pobo puido ver “moi de preto” que a violencia machista "non é unha estatística". Demandou un traballo conxunto para acabar con esta “secuela social” e chegar a unha democracia "real, moderna" e de futuro.

Segundo indicou, os fillos da parella, de 22 e 19 anos, están a recibir atención psicolóxica, do mesmo xeito que a nai da vítima, que ten “problemas de saúde”. Un dos fillos foi o que topou o corpo sen vida da súa nai.

A delegada do Goberno autonómico, Aránzazu Martín, manifestou tamén a súa máis “enérxica repulsa” e expresou a “dor e o agarimo” que sente pola familia de Maite, que traballaba no Servizo Andaluz de Emprego (SAE). Tamén dixo que non existían denuncias previas por malos tratos.

Entregouse

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en funcións, Juan Ramón Fernández, confirmou que o home de Maite, duns 55 anos, entregouse este venres á Policía Local de Vera, onde permanece detido á espera de pasar a disposición xudicial.

De se confirmar a natureza machista do crime, Maite sería a terceira vítima este ano en Andalucía, a número 16 en toda España no que vai de ano e a número 1.145 desde 2003. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade