Temen que os efectos dun indixente prendan lume nun edificio en Santiago
Nas últimas semanas rexistráronse varios incendios na zona que ocupa nos baixos do inmoble
Piden que se arbitren formas máis áxiles de intervención dos Servizos Sociais para casos críticos
A entrada dun dos baixos dun edificio do Ensanche de Santiago é lugar habitual de acollida de persoas sen fogar. Pero, desde hai varias semanas, os veciños dese inmoble da Rúa Romero Donallo están especialmente intranquilos porque se queiman os útiles que acumula un dos últimos ocupantes.
O máis grave foi cando ardeu un colchón, como denotan aínda as marcas que deixou na beirúa no punto no que acabou de ardes cando o retiraron para afastalo da fachada.
"Viñeron os bombeiros, a policía e a ambulancia en varias ocasións".
Tanto os residentes do inmoble coma unha asociación veciñal da zona pediron a intervención dos Servizos Sociais para buscar unha solución. Desde o Concello confirman que é unha persoa en situación de vulnerabilidade que foi atendida en numerosas ocasións polos servizos de rúa e que xa se realizaron todas as actuacións pertinentes para que poida ser valorada dende o ámbito sanitario porque ten problemas de saúde significativos.
"Sabemos que nestas situacións non podes actuar en contra da sua vontade e, se non hai ninguén na familia que mire por eles, só queda a vía xudicial e a incapacitación, que sempre son moi, moi lentas", di Xosé Manuel Durán, o presidente da Asociacion Raigame
"Que depende do xuiz e do hospital..., ó final é unha pescadiña que morde a cola. É terrible. Non queremos que estea tirado na rúa e desamparado, porque está enfermo en moi malas condicións, pero é un perigo para os veciños e entón pediamos axilizar o tema".
Por iso, os residentes demandan que se arbitren vías de intervención máis áxiles para situacións críticas coma esta.