Publicador de contidos

Publicador de contidos

Supersábado na Radio Galega, coa retransmisión dos partidos Oviedo-Celta e Andorra-Deportivo

Supersábado na Radio Galega, coa retransmisión dos partidos Oviedo-Celta e Andorra-Deportivo

O domingo hai cita co baloncesto ACB no Pazo dos Deportes de Lugo, onde o Breogán se enfronta ao Bilbao

G24.gal 19/12/2025 12:20 Última actualización 19/12/2025 12:22

O Celta e o Deportivo pechan o ano natural coincidindo en día e hora. O sábado, a partir das 13:45 h, Roberto Carlos Carballo repartirá xogo na Radio Galega desde o Carlos Tartiére e o estadio Encamp para contar o Oviedo-Celta, da Primeira División, e o Andorra-Deportivo, da Segunda.

A xornada de Copa entre semana deixou o Celta fóra da competición, tras perder fronte ao Albacete tras 120 minutos de xogo e unha quenda de penaltis. Para o Deportivo, o torneo resultou positivo, xa que eliminou un rival de Primeira, o Real Mallorca, e agora agarda cruzarse cun dos grandes do fútbol español no sorteo programado para o sete de xaneiro na sede da Real Federación Española de Fútbol.

O Celta tratará de prolongar en Oviedo a boa traxectoria no campionato ligueiro. Os asturianos estrean o terceiro adestrador do curso, tras destituír primeiro a Paunovic e hai uns días a Carrión. Agora a dirección técnica é de Almada, que abandonou o Valladolid para enrolarse no proxecto carballón. 

Mentres, o Deportivo sufriu dúas derrotas consecutivas na casa e necesita recuperar parte do crédito perdido para continuar na praza de ascenso directo. O Andorra semella estar recuperado da crise de resultados logo de gañar a semana pasada ao Real Valladolid marcando o gol no minuto 93.

O ‘Galicia en goles’ do sábado tamén atenderá, despois dos partidos dos dous grandes, ao fútbol da RFEF. O Celta Fortuna recibe en Balaídos o filial do Real Madrid, no que semella ser a cita destacada da fin de semana na Primeira RFEF. Na Segunda, destaca o Bergantiños-Sámano nas Eiroas de Carballo. O Ensino Lugo-La Seu, da Liga de baloncesto feminino, e o Porriño-Rioja e o Guardés-Morvedre, da elite do balonmán feminino, completan a tarde de retransmisións na Radio Galega e na plataforma AGalegaAudio.gal

Xa o domingo, a edición matinal comezará ás 12:00 h co Breogán-Bilbao da Liga ACB, desde o Pazo dos Deportes de Lugo. Ademais, o Arenteiro recibe no Espiñedo o filial do Osasuna, mentres que o Fabril xoga no campo Arsenio Iglesias ante o Ávila. A Copa da Raíña será protagonista no estadio de Riazor coa eliminatoria a partido único entre o Deportivo da Coruña e a Real Sociedade.

A partir das 14:15 h, a atención estará posta nas ligas da RFEF, con atención especial ao Lugo-Ourense C. F., Barakaldo-Pontevedra, Avilés-Rácing de Ferrol e Unión Deportiva Ourense-Sarriana

#GaliciaEnXogo

Na última hora do domingo, contra as 23:00 h, Rodrigo Pérez achegará toda a actualidade do mundo do motor no espazo do proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo. Desta volta, o protagonista será o carballés Fran Goméz Pallas, días antes de disputar o Rally Dakar.

A continuación, de 23:30 a 00:00 h, Toni López García conversará con Aitana Capeáns e Sara Guerrero, dúas deportistas que están traballando para competir no ano 2028 nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade