Sumar Galicia asegura que non se dan as condicións políticas para unha coalición electoral
Sumar Galicia asegura que non se dan as condicións políticas para unha coalición electoral
Paulo Carlos López, voceiro de Sumar, recoñece que as conversas con Podemos están rotas
Apela as persoas de todas as formacións para que se sumen a título individual ao proxecto de Yolanda Díaz en Galicia
O voceiro de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, recoñece que a interlocución con Podemos Galicia está "parada" e atribúe esa decisión á ruptura, a nivel estatal, entre Sumar e Podemos.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, López explicou que a reunión que estaba prevista para este domingo coa dirección de Podemos Galicia non se celebrou. Apunta que desde o mércores comunicouse que se paralizaban as conversas ata que se aclarase a situación e de aí que finalmente non houbese encontro entre as dúas formacións.
Entende que para retomar as conversas debe haber "un pronunciamento, unha manifestación explícita e pública por parte de certos dirixentes de Podemos no sentido de querer construír Sumar Galicia. Nós no momento en que se explicite que se quere construír Sumar Galicia como suxeito político autónomo, pois estaremos dispostos a incorporar as persoas a título individual, veñan da formación política que se queira".
O voceiro de Movemento Sumar Galicia recoñece que a marcha dos deputados morados ao grupo mixto do Congreso fixo que "se establecese un novo marco de conversacións" e apunta que "antes o marco de conversacións dábase cunha interlocución directa con varias forzas políticas e coas súas direccións políticas e creo que, neste punto, a interlocución non se pode dar do mesmo xeito que hai unha semana".
Non descarta retomar as conversas para construír unha alianza electoral nun futuro, pero admite que "a día de hoxe é complicado retomar dunha forma natural esas conversas porque pasou algo e o razoable é asumir que pasou algo".
Á pregunta de se os deputados de Podemos no Congreso, que pasaron ao Grupo Mixto, deben entregar as súas actas, Paulo Carlos López cre que "teñen que facer unha reflexión" e aclarar se "van defender as cousas polas que se presentaron porque se non é así sería unha fraude".