Suráfrica séntese "castigada" pola súa capacidade para detectar a nova mutación

O Goberno surafricano vese "castigado" por detectar a nova mutación do virus da covid, ómicron, e lamenta o peche das fronteiras aos seus cidadáns e viaxeiros. Considera que o feito de descubrir a nova variante do coronavirus grazas á calidade e bo traballo dos seus científicos está "castigando" ao país.
Asegura desde Suráfrica o executivo nun comunicado que hai novas variantes detectadas noutros países e "a reacción, din, é radicalmente diferente á que se dá cos casos no sur de África".
A variante ómicron que levou a moitos países a suspender voos con África austral, preocupa á Organización Mundial da Saúde polo alto número de mutacións que presenta, pois en dúas semanas detectáronse xa unha trintena, con casos confirmados non só en Suráfrica senón tamén na veciña Botsuana, en Hong-Kong ou en Bélxica.