Publicador de contidos

Publicador de contidos

Soben os prezos nos aparcadoiros públicos e tamén nas prazas de garaxe privadas

Soben os prezos nos aparcadoiros públicos e tamén nas prazas de garaxe privadas

O prezo medio dunha praza nas cidades e vilas galegas é de 14.000 euros, pero pode chegar ata os 23.000 de media que se pagan en Pontevedra

G24.gal 14/02/2024 14:32

Os prezos das prazas de garaxe non deixan de subir. O ano pasado encareceron un sete e medio por cento no conxunto de España, ata alcanzar os 12.500 euros de prezo medio. En Galicia subiron menos, un 5,7 %, pero aínda así, o prezo medio dunha praza de garaxe é máis elevado que no conxunto de España: supera os 14.000 euros, con grandes diferenzas segundo a zona. A cidade máis cara é Pontevedra, onde andan polos 23.000 euros. E en cambio, en lugares como Mugardos, non chegan a 4.000. 

Tamén soben as tarifas nos aparcamentos públicos: en Galicia destaca o caso de Ferrol, onde están xa a prezos similares a grandes cidades como Barcelona. Ferrol é unha cidade na que é moi difícil estacionar no centro, debido á supresión de prazas en superficie e a unha carencia xa endémica porque hai moitos edificios antigos que carecen de baixos que se poidan destinar a este uso.

Así as cousas, a moitos residentes non lles queda outra que alugar; pero, cunha oferta escasa, como poden imaxinar, os prezos van para arriba. Como exemplo: un destes céntricos aparcamentos en Ferrol cobra tarifas mensuais que van dos 88 aos 93 euros, mentres que nos que esta mesma empresa xestiona en Barcelona a tarifa é uns euros máis barata. 

Atopar aparcadoiro en Ferrol non só é complicado, senón que ademais é unha das cidades galegas onde é máis caro. "Moi caros, pago moito todos os días". "Baratos non son". "Eu non me queixo dos prezos, pero si da escaseza de prazas fóra dos aparcadoiros".

Suprimíronse moitas prazas en superficie. "Non hai nada, hai que pagar, senón é que non se pode saír co coche". "Todas son peonís, entón é moi difícil".

En Ferrol, ao igual que nas zonas centro doutras cidades galegas, escasean as prazas de garaxe. Edificios antigos que carecen delas, e as poucas das que hai en alugueiro non se adaptan ás necesidades actuais.  

Asier Barja, da inmobiliaria Ronda de Lugo, di que medrou moito a demanda, pero que o principal problema no centro é que nos edificios antigos as prazas son pequenas e os coches cada vez máis grandes. 

Medra a demanda entre os que se desprazan en coche ás cidades, pero tamén entre os que residen no centro. Cando se compra vivenda, normalmente só se adquire unha praza. Unha rapaza de Lugo que busca garaxe para alugar di que moitos pensan ao comprar casa que cunha praza lles chega e despois arrepíntense. 

É por isto que moitos buscan prazas de garaxe para comprar como investimento. Moito menos desembolso que un piso e que poden rendibilizar con máis facilidade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade