Suagongo, unha aposta pola artesanía e a tecnoloxía 3D para crear xoias únicas e sostibles
As creacións desta empresa ourensá chamaron a atención da actriz Clara Mcgregor, que as luciu en varios festivais de cine
Naceu en plena pandemia, na procura dun concepto diferente de xoiería. Raquel Suárez e Alba González buscaban creacións en que a singularidade da artesanía puidese convivir coa impresión 3D e a aposta por materiais sostibles. Así xurdiu Suagongo, unha empresa ourensá que ofrece pezas únicas inspiradas nas formas da paisaxe galega e asturiana. Cada xoia conta unha historia e busca a complicidade do cliente para fuxir dun consumo desmedido. Ao redor do 70 por cento da produción realízana baixo demanda.
Estas creacións comezan a abrir oco no mundo do deseño internacional. No camiño, bateron co apoio da actriz Clara McGregor, filla do coñecido actor Ewan McGregor, que se puxo en contacto con Suagongo para lucir as súas xoias atraída polo deseño e o concepto.