Publicador de contidos

Publicador de contidos

Stoltenberg: "O que pasa hoxe en Europa podería pasar mañá en Asia"

Stoltenberg: "O que pasa hoxe en Europa podería pasar mañá en Asia"

Sede da Conferencia de Seguridade en Múnic Sede da Conferencia de Seguridade en Múnic
G24.gal 18/02/2023 12:50 Última actualización 18/02/2023 17:07

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, advirte do risco de que o acontecido en Ucraína pase no futuro en Asia. Dende o seu punto de vista, Pequín está "a mirar de preto" para ver a "recompensa" que recibe Rusia "pola súa agresión".

"O que está a pasar hoxe en Europa podería pasar mañá en Asia", dixo en Múnic, onde interveu nun panel da Conferencia de Seguridade xunto co presidente de Finlandia, Sauli Niinistö, a presidenta de Moldavia, Maia Sandu, e a primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen.

O xefe da OTAN explica que recentemente visitou Corea do Sur e o Xapón, países que "ven o vínculo entre o que sucede en Europa e o que sucede en Asia".

"Se gañase Putin (...) impactaría nas decisións e os cálculos que está a facer Pequín no seu mundo. Así que trátase da nosa seguridade global. Non se trata de seguridade rexional".

Ademais, Stoltenberg chama a non cometer coa China "o mesmo erro" que con Rusia, en referencia á dependencia de produtos e materias primas que Europa ten que importar.

"A guerra en Ucraína deixou claro o perigo dunha dependencia excesiva dos réximes autoritarios. Non hai demasiado tempo, moitos argumentaron que a importación de gas ruso era puramente unha cuestión económica. Non é un tema político. Trátase da nosa seguridade porque a dependencia de Europa do gas ruso fíxoos vulnerables".

Segundo o máximo responsable da Alianza Atlántica, entre as leccións que deixa a guerra en Ucraína, "a máis importante é que América do Norte e Europa deben permanecer xuntas".

"Nun mundo máis perigoso necesitamos as nosas alianzas transatlánticas máis ca nunca (...) sen a OTAN, non hai seguridade en Europa".

Fortalecer as alianzas

Por esta razón, considera que "non é o momento de mirar máis aló da Alianza".

"(Hai que) fortalecer e ampliar as nosas alianzas para promover a paz, protexer a nosa seguridade compartida e defender o sistema global baseado nos nosos valores e no dereito internacional".

Nese contexto, refírese á importancia de que a adhesión de Finlandia e Suecia se produza canto antes.

"O que importa é que ambos os dous países se convertan en membros tan pronto como sexa posible. Non se un se converte en membro antes ca outro. O máis importante é conseguir que ambos os dous entren canto antes".

Stoltenberg asegura que continúa "traballando duro" con ese obxectivo, xa que Turquía e Bulgaria son os únicos aliados que aínda non ratificaron a adhesión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade