Sorpresa no Irixo polo nacemento de catro cabritas no mesmo parto
Naceron no día de Santa Rita e o dono púxolles o nome da santa a dúas crías
Superadas as primeiras horas, e malia o seu pequeno tamaño, as cabriñas vense saudables e felices
Arremuiñadas onda a súa nai, non parece que estas cabriñas teñan vinte e catro horas escasas de vida. Xa se moven con soltura á procura de alimento, pero déixanse guiar pola man experta do seu dono.
"Ela vese desbordada con catro. Non os dá posto a aleitar. Púxenllos eu, e ela xa me empezou a lamber o brazo como dándome as grazas", conta Juan Manuel Villanueva, dono das cabriñas.
Quedou descansada tras o parto. A súa inmensa barriga xa facía presaxiar que traía máis dunha cría. Pero Juan Manuel non contaba con tantas.
"Cando estaba chegando á corte xa escoitei os pequenos e imaxinei, coa barriga que tiña, que habería dous como moito. A sorpresa foi que vin un terceiro e mirei para unha esquina e vin o cuarto. Sorpresa porque é moi raro que traian catro. Dous é habitual. Esta, no anterior parto, só trouxo unha cría", explica Juan Manuel.
Son todas femias e xa teñen nome.
"Hoxe é día de Santa Rita, Margarita e Rita son dúas, na honra da santa. A nai chámase Brixela, así que unha vai ser Bríxida e a outra Brétema. Rita é a máis pequena, pero engánchase no teto da nai e non o solta".
Juan Manuel non é gandeiro de profesión pero ten un rabaño de 20 cabras. Son as que se encargan de manter limpa a aldea.
"Gústame moito o mundo rural e creo que, se houbese un rabaño de cabras en cada aldea, no verán non habería os problemas de incendios que temos todos os anos, porque son rozadoras naturais".
Amante dos animais, tamén ten cans, gatos, ovellas, gansos e vacas. Asegura que son a mellor compañía.