Soriano: "Se saen Bouldini e Diego posiblemente haxa unha incorporación"
O director de fútbol abre a porta a unha fichaxe máis e ao adeus de Denis Genreau
A chegada de Samuele Mulattieri non pecha o plantel do Deportivo, pois espéranse máis saídas nos últimos días de mercado. A máis próxima, agora, é a de Mohamed Bouldini, con "moitos equipos buscando ese perfil e numerosas chamadas".
É o Granada quen se converteu na alternativa máis forte e, con toda seguridade, o seu próximo destino. No caso de que se concrete a súa marcha, explica Fernando Soriano, "posiblemente haxa unha incorporación", aínda que deixa aberta a incógnita sobre se o club esperará a xaneiro.
"Sabemos que en nadal volve abrir o mercado de inverno e hai que valorar este tipo de situacións".
Espéranse días frenéticos de actividade na cidade deportiva de Abegondo para os últimos días de mercado. Agora as miradas están postas en Mohamed Bouldini. O seu destino será o Granada.
"Estamos cómodos cos tres dianteiros para xogar arriba. Se nun momento decidísemos que convén unha saída valoraríase a posibilidade de reforzar. Ben alguén de dianteiro, máis dinámico… veremos os días que quedan de mercado. Non só depende de nós", argumenta Soriano.
Hai outros movementos decididos, como a marcha de Denis Genreau, con quen "a idea é que salga" tras apenas oito meses no club. Búscaselle destino a Diego Gómez, quen "non está a entrar nos plans de Hidalgo" e o club quere evitar que estea "toda a tempada sen xogar" e búscase "que a súa progresión estea preto do campo".
En caso do extremo zurdo, o Rácing de Ferrol apuntaba a ser o seu destino, aínda que "se puxo difícil" nos últimos días e entraron outras entidades con interese no atacante.