Solidariedade ante os incendios: recollida de materias para axudar os damnificados
Hai habilitados varios puntos de recollida, un deles unha tenda de Amodo, en Ourense
Actualizan diariamente nas súas redes sociais os materiais que máis se precisan nese momento
Estamos ante unha das vagas de incendios máis grande da historia de Galicia e nestas épocas a xente saca a relucir a súa solidariedade ao completo. Son varios os locais arredor de Galicia que están a recoller material para os damnificados polos incendios forestais. Un deles, esta tenda de Amodo, en Ourense.
Aquí recóllense materiais para axudar tanto os que sofren os incendios como os que os combaten.
"Equipos EPI, máscaras FP3, lentes, luvas de traballo, mantas ignífugas, batelumes, pas...", comenta Lorena Andrea González, da tenda Amodo.
Dende a tenda apuntan que non sempre se precisa o mesmo e que avisan a través das súas redes sociais dos produtos que fan falta nese momento.
"Imos actualizando nas nosas redes sociais, no Instagram, por exemplo, que é @amodotenda, das cousas que son máis urxentes", afirma Lorena Andrea González.
Unha iniciativa que está tendo unha acollida, segundo nos comentan, moi boa.
"Está tendo unha resposta incrible, non só a cidadanía ourensá, que vén aquí, preguntan e traen o que fai falta, senón que tamén nos están enviando cousas que aquí xa están esgotadas. Recibimos paquetes de Barcelona, de Madrid...", asegura a mesma Lorena Andrea.