Soben lixeiramente os casos activos e os ingresados
O Sergas informa de doce contaxios activos máis, 524 en total, e de dúas persoas máis en centros hospitalarios
Os casos detectados en 24 horas son 31, cinco menos que na xornada previa

Os casos activos de covid–19 sitúanse en Galicia en 524, segundo datos das 18:00 deste domingo. Son 12 máis que na xornada do sábado.
Nas últimas 24 horas detectáronse 31 novos casos mediante probas diagnósticas de infección activa (PDIA). Son cinco menos das que se detectaran no día anterior.
Respecto á presión hospitalaria, nestes momentos hai 30 persoas ingresadas, 25 en cuarto illado en planta convencional, dous pacientes máis dos que había o sábado, e cinco nas unidades de coidados intensivos, onde non hai variación.
As unidades de coidados intensivos das áreas sanitarias de Ourense e de Pontevedra están libres de pacientes con coronavirus.
Suba en cinco áreas sanitarias
Respecto á evolución da áreas sanitarias, a da Coruña, onde contabilizan dous casos activos máis, segue sendo a que ten máis contaxios activos, (144). Séguea a de Ourense, onde suman cinco casos máis, 111 en total.
As áreas de Vigo, que sumou catro casos activos máis ata alcanzar os 79, Santiago, cun contaxio activo máis para un total de 53 e Ferrol, que suma tres e chega aos 40, son as que teñen nestes momentos máis casos que na xornada previa.
Pola contra, Pontevedra, cunha baixada de dous casos activos para situarse nos 59, e Lugo, que baixa un e queda con 38, son as dúas áreas que viron reducirse os contaxios na última xornada.
Desde o comezo da pandemia, Galicia rexistra un total de 183.258 contaxiados, dos cales 180.116 superaron a enfermidade e 2.652 faleceron.