Publicador de contidos

Publicador de contidos

Silva admite a súa "sorpresa" por perder a Deputación e agradece o "privilexio" de ser presidenta

Silva admite a súa "sorpresa" por perder a Deputación e agradece o "privilexio" de ser presidenta

A presidenta da Deputación de Pontevedra recoñeceu "un erro de percepción" ao non prever a perda de deputados

"Foron oito anos de intensísimo traballo e teño que dar as grazas a moita xente", dixo Carmela Silva

G24.gal 29/05/2023 14:20 Última actualización 29/05/2023 14:45

A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, admitiu este luns a súa "sorpresa" despois de que o PSOE deixase de ser o partido con máis deputados e o PP recupere o goberno da institución provincial, e agradeceu o "privilexio" de poder ser presidenta durante 8 anos.

Este luns, na que foi a súa última conferencia de prensa á fronte da Deputación, admitiu que non esperaba o resultado e que enmarcou na "tormenta perfecta" que, ao seu xuízo, propiciou que o control da Administración provincial pase a mans do Partido Popular (que obtivo 3 deputados máis).  

Silva recoñeceu os "resultados extraordinarios" do PP e agradeceu o "privilexio" de ser a presidenta da Deputación de Pontevedra durante oito anos. Ao mesmo tempo recoñeceu que tivo "un erro de percepción" ao non prever que perderían deputados nos partidos xudiciais de Pontevedra, Tui e Vigo.

"Foron oito anos de intensísimo traballo e teño que dar as grazas a moita xente", dixo Carmela Silva tratando de conter a emoción.

Insistiu en que quere marchar "coa elegancia que se debe ter en política" polo que declinou facer valoracións sobre o próximo goberno provincial, "teño as miñas dúbidas pero non quero prexulgar o seguinte goberno", manifestou antes de engadir que "sufriría moito" se o "avance transcendental" que, segundo dixo, viviu a provincia nos últimos anos "fose cambiado para volver ao pasado, se non se continuase coa políticas igualdade, mobilidade amable, medio ambiente, cultura ou deporte", dixo.

Silva dixo estar "serenísima" e "tranquilísima", e apuntou que seguirá en política como tenente de alcalde en Vigo e como presidenta do PSdeG, pero indicou que "non toca" falar agora da súa continuidade como deputada provincial na oposición, "merezo ter uns días para a miña propia reflexión".

A última conferencia de prensa de Carmela Silva como presidenta da Deputación de Pontevedra concluíu cun aplauso dos seus colaboradores do equipo de comunicación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade