Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Xirona deixa vivo un Lugo que rabuña un gran punto (1-1)

O Xirona deixa vivo un Lugo que rabuña un gran punto (1-1)

Os cataláns dominaron pero non deron sentenciado, e Manu Barreiro castigou

Con este punto, o conxunto de Rubén Albés suma a novena xornada sen perder

G24.gal 23/01/2022 18:01

O VAR salvou o Lugo nunha primeira metade en que a imaxe dos de Albés non se pareceu á dos encontros precedentes. Rama gañoulle a partida a Seoane no once titular e a súa influencia no xogo foi escasa.

A primeira intervención da videoarbitraxe serviu para anular un penalti que o árbitro indicara por man de Alende, xusto despois dunha excelente parada de Whalley. Puido existir falta no remate sobre Ricard tamén. Considerouse que a posición da man do defensor lucense era natural.

A segunda intervención foi contra o descanso. Marcou Santi Bueno gañándolle a partida por alto a Ros. Neste caso, a xeometría manda e a posición do xogador xerundense era incorrecta por pouco.

Tras o intermedio, o Xirona atrasou liñas e sorprendeu ao Lugo con velocidade. Así, conseguiu xerar oportunidades. Unha delas converteuse no seu gol. Un fermoso gol, por certo. O pase, sen deixar caer o balón, foi de Baena, e o tanto, de Nahuel Bustos, a referencia goleadora deste Xirona en ausencia de Stuani.

A reacción do Lugo foi dubitativa, cun Gerard Valentín desesperado coa arbitraxe. Chris Ramos aloumiñou o empate cunha boa cabezadada que golpeou contra o poste. Daquela, o encontro era xa unha tolemia. O Xirona tivo unha clarísima para o 2–0. É case incrible que o balón non entrase na meta lucense. Catro minutos despois desa posible sentenza, chegou a igualada. Acababa de aparecer no terreo de xogo Manu Barreiro, que exhibiu unha vez máis o seu oportunismo. Enviou á rede logo dun remate de Campabadal que golpeara contra o poste. Marcaba Barreiro por segundo partido consecutivo.

O gol valía un punto pero o final non foi nin moito menos plácido. Xusto despois do 1–1, Santi Bueno enviou o balón contra o longueiro. Pero aínda houbo máis  O Lugo pediu un penalti nun empurrón sobre Cuéllar que o VAR, quizais por equilibrar, non quixo nin estudar. Acto seguido, Pablo Moreno buscou o gol de tesoira e respondeu un Óscar Whalley que foi do mellor do Lugo en Montilivi.

Novo exercicio de resistencia dos de Albés, que suman a novena xornada seguida sen perder.

Minuto a minuto

18:02

Boas tardes!

 

O Lugo busca a terceira vitoria consecutiva logo de gañar a semana pasada contra o Mirandés e tombar entre semana o Almería! En fronte, un Xirona que chega sen unha das súas principais ameazas, Christian Stuani, pero cunha gran xeira de resultados

 

Esta é a aliñación de Rubén Albés, con Hugo Rama sustituíndo ao sancionado Juanpe e Carrillo no sitio de Manu Barreiro, os dous únicos trocos respecto o partido do mércores

 

 

1'

Comezou o partido en Montilivi!

7'

A piques de marcar o Girona

 

O disparo de Juanpe marchou moi preto da portería de Whalley

18'

PARADÓN DE WHALLEY

 

Pero o colexiado pita penalti a prol do Girona... Está revisando o VAR a man de Alende e unha posíbel falta de Ricard... Anulouno! Salvouse o Lugo!

27'

Case marca Álex Baena!

 

Zoupoulle con moita forza o mediocentro do Xirona e case marca o primeiro da tarde

31'

Cartón amarelo para Orest Lebedenko por unha patada dura no centro do campo

40'

Marca o Xirona en Montilivi, adiántase o conxunto catalán cun gol de Santiago Bueno, pedían fóra de xogo os futbolistas do Lugo

41'

ANULADO. ANULADO O TANTO DE SANTIAGO BUENO

 

O VAR caendo do lado do Lugo nesta primeira parte en Montilivi, primeiro nun penalti anulado e agora con este tanto de Santiago Bueno

DESCANSO

Sufrindo o Lugo nestes primeiros 45 minutos, o Girona gozou das mellores oportunidades para adiantarse no marcador, incluso tivo un gol anulado polo VAR

 

Veremos que acontece no segundo tempo

46'

Comezou a segunda metade cunha oportunidade clarísima para Nahuel Bustos a favor do Xirona!

 

 

54'

Gol do Xirona, marca Nahuel Santos un auténtico golazo

62'

Protestaba penalti Valentín logo dunha gran condución, non o considerou así o colexiado

67'

Case marca o Lugo!

 

O remate dende fóra da área que marchou a rentes do pau dereito de Ortolá

 

 

79'

GOOOOL DE MANU BARREIRO

 

Mesmo guión que na ida, levaba 3 minutos no campo e empata o partido cunha gran testada de cabeza a centro de Ricard

 

Empata o Lugo que castiga a un Xirona que malia o dominio absoluto non foi quen de pechar o partido.

81'

AO PAU O XIRONA, isto está tolo!! Sacouna Chirs Ramos baixo paus

89'

Pide penalti o Lugo! E semella que hai contacto sobre Cuellar.

 

Non o considerou así o colexiado... 

91'

QUE PARADÓN ACABA DE FACER WHALLEY!

FINAL

O Lugo foi quen de rabuñar un punto e mesmo tivo oportunidades ao final para levar os tres, nun penalti moi protestado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos