Serían quen de amosar todo o seu valor profesional en só un minuto?
Sesenta segundos para explicar formación, traxectoria e valores persoais é o tempo que tiveron cada un dos mozos que participan na feira de emprego de Oleiros
Tresecentos mozos e mozas participan este xoves na Young Talent. É unha feira de emprego que se celebra en Oleiros e onde están os recrutadores de persoal das principais empresas de Galicia, entre elas Hijos de Rivera, Nova Pescanova, Altia, Nortempo, Cafés Candelas, Greenalia ou Hotusa.
Como a case todo no mundo dos negocios, puxéronlle un nome en inglés a un método innovador de selección de traballadores: Speed Rrecruiting, ou recrutamento veloz.
Os participantes, un por un, teñen un minuto para contarlles que son e que fan a todos os responsables de recursos humanos de cincuenta empresas de Galicia. Disque buscan a intelixencia branda.
"Chamamos intelixencia branda a toda a parte de habilidades persoais e profesionais. Como afrontar a frustración, a xestión do cambio. Unha vez que se dá ese 'feeling', ese amor a primeira vista, xa se accede ao currículo do candidato e coñécelo máis a fondo cunha entrevista persoal", explica Inés Salcines, directora xeral EF Bussines School.
Os recrutadores apuntan o número das persoas que os impactaron e despois pídenlles os datos á empresa que organiza este encontro, que os aspirantes preparan a conciencia. Quen serán os escollidos para a seguinte fase é a pregunta que queda no aire.