O diagnóstico temperán, clave para incrementar a posibilidade de curación de cancro de pulmón
As campañas de cribado apúntanse como principal avance, aínda que precisan de máis medios que as de mama ou colon
Esta enfermidade causa 23.000 mortos anuais en España
Nesta Semana Europea do Cáncer de Pulmón, os expertos lebran que ter un diagnóstico temperán aumenta as posibilidades de curación. Por iso, é fundamental realizar campañas de cribado de pulmón, combinadas coas de deshabituación do tabaco.
Varios países europeos xa teñen iniciativas para realizar estes programas de cribado de pulmón para detectar un cancro que é o que máis mortos causa en España, uns 23.000 anuais. "Hai estudos que indican que o cribado de poboación san, fumadora, e de certa idade, reduce a mortalidade por cáncer de pulmón", asegura Rosario García, xefa do servizo de oncoloxía do CHUAC.
Estas campañas de filtrado, xa se fan co cáncer de mama ou de colon, pero no caso do pulmón son máis complexas. Por unha banda, porque hai que definir a que sector da poboación se lle fai esta criba, para a que se precisarían máis TAC e equipos.
"Non é tan doado coma noutros tumores, pero isto non implica que non haxa que facer esforzos conxuntos para que isto sexa unha realidade", afirma a doutora García.
Cada ano detéctanse en España 30.000 casos de cáncer de pulmón, que é o terceiro máis frecuente. Con estas cifras calquera campaña de detección precoz debe ir combinada cunha educativa e de concienciación.
"Os nosos adolescentes fuman, fuman moito, e somos o país europeo que antes se inicia e cunha tendencia á alza especialmente rechamante, e aí temos que traballar tamén moito", di a oncóloga.
E aínda que quede por facer, os avances nos últimos 15 anos foron moitos.