Publicador de contidos

Semana clave para a reforma laboral con cumio ministerial na Moncloa

Semana clave para a reforma laboral con cumio ministerial na Moncloa

Pedro Sánchez reunirase con Díaz, Calviño e outros tres ministros

Desde a parte socialista do Goberno fixan catro puntos para o consenso

g24 31/10/2021 14:55

Pedro Sánchez e Yolanda Díaz tentarán despexar dúbidas sobre a crise da reforma laboral na xuntanza do martes vindeiro na Moncloa. Nela tamén estarán presentes Nadia Calviño e outros tres ministros: os titulares de Facenda, Seguridade Social e Educación.

Díaz está nun momento no que tenta afianzar o liderado nun espazo político á esquerda do PSOE e Sánchez traballa por dotar de estabilidade a lexislatura ata 2023.

Neste contexto, Nadia Calviño marcaba territorio onte pola tarde desde o cumio do G-20: "Estivemos vendo cal é o mellor mecanismo de coordinación dentro do Goberno para asegurarnos de que o Goberno ten unha posición única e fala cunha soa voz".

Calviño propón falar cunha soa voz e fixaba catro puntos clave para buscar un consenso con sindicatos e empresarios:  "Simplificación de contratos, redución da temporalidade no noso país, excesiva, unha das lacras que temos no noso mercado laboral; en segundo lugar unha axeitada redución das subcontratas. En terceiro lugar, un reequilibrio das partes no ámbito da negociación colectiva e, en último lugar, o establecemento dun mecanismo permanente de flexibilidade interna das empresas e, ao mesmo tempo, de estabilización do emprego".

O xornal El País sinala este domingo que desde o PSOE contactaron con Ione Belarra e Irene Montero, porque percibiron que mantiñan unha postura máis flexible ca Díaz na reforma laboral. De todas formas, desde Unidas Podemos transcendeu que o apoio a Yolanda Díaz é pleno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade