Segue o aviso amarelo pola calor na Conca do Miño-Sil, con Leiro superando os 39 graos
A máxima de Galicia rexistrouse en Leiro: 39,2 graos pasadas as catro e media da tarde
Temperaturas por riba dos 36 graos na provincia de Ourense: na zona do Ribeiro como A Arnoia e Castrelo de Miño superaron os 37 graos. En Vilamartín de Valdeorras chegaron aos 38 graos
O aviso amarelo por altas temperaturas mantense na bacía do Miño-Sil en Ourense e no Miño de Pontevedra
Despois de rematar o mes de xullo máis caloroso dos últimos 61 anos, con temperaturas extremadamente altas en Galicia e case un 70 % menos de precipitacións dun ano normal, estes primeiros días de agosto comezan tamén con avisos amarelos na bacía do Miño-Sil na provincia de Ourense.
Segue apertando a calor na provincia de Ourense, son moitos días xa de altas temperaturas e hoxe en Leiro superaron de novo os 39 graos.
Tras o xullo máis caloroso desde que hai rexistros no ano 1961, este agosto comeza por agora sen tregua, e o que para uns é fresco para outro estase a facer xa insoportable.
Á media tarde comezaron a caer catro pingas e cómpre chuvia, o pasado mes de xullo choveu case un 70 % menos da media normal nestas datas en Galicia.
Para mañá a previsión de Meteogalicia di que pode caer algo máis de chuvia na provincia de Ourense e tamén treboadas. Pero de novo hai aviso amarelo na conca do Miño-Sil por temperaturas por riba de 36 graos e os 34 no Miño de Pontevedra.
