Scrubb: "Somos bastante consistentes en defensa pero fáltanos consistencia en ataque"
O canadense repetiu galardón tras ser elixido, por segundo mes consecutivo, como o MVP Estrella Galicia
O canadense Thomas Scrubb repetiu galardón tras ser elixido, por segundo mes consecutivo, como o MVP Estrella Galicia tras os catro encontros que o equipo disputou en novembro.
Como é habitual, a afección obradoirista foi a encargada de votar ao seu candidato favorito a través das redes sociais. Scrubb conseguiu o 60,3 % dos votos, Pustovyi foi segundo co 35,1 % das seleccións e o 4,6 % decantouse por Howard.
O aleiro recibiu o galardón e atendeu aos medios de comunicación no acto. Mostrouse encantado por conseguir o segundo trofeo da tempada:
“Agradezo o apoio dos afeccionados. Novembro non foi o mellor mes para nós, porque só gañamos un partido. Aínda así, eles mostraron aprecio polo equipo”.
O xogador canadense mira ao futuro e explicou cal debe ser a fórmula para que o Monbus Obradoiro aspire á vitoria ante o líder da liga Endesa:
“O Real Madrid ten bos xogadores. Teñen moita confianza agora mesmo, só perderon dous partidos nesta tempada. Será difícil vencerlles, pero temos que esforzarnos ao máximo e xogar con moita enerxía para vencer a un equipo con moito talento e experiencia, e que está a xogar moi ben agora mesmo. Se non nos esforzamos, non teremos posibilidades”.
Scrubb espera que Sar presente as súas mellores galas o sábado ás 20:45 e xogue, tamén, o seu partido particular:
“Creo que moita xente quere ver ao Real Madrid, pero penso que temos que darlles aos afeccionados unha razón para crear unha grande atmosfera no pavillón. Para iso non debemos rendernos, debemos dar a mellor versión de nós mesmos, competir todo o partido e se o conseguimos, eles engancharanse aínda máis ao partido. Os afeccionados darannos enerxía extra en todo o partido”.