Sanxenxo agarda a chegada duns 90 inmigrantes; Sobrado dos Monxes, 10
O delegado do Goberno di que Sobrado dos Monxes resolveu os problemas que tiña cos servizos médicos
A Xunta segue demandando información e claridade ao Goberno central
Un hotel de Sanxenxo prepara as súas instalacións para acoller entre sesenta e noventa inmigrantes que chegarán entre este xoves e o venres ao concello pontevedrés. Outro grupo de algo máis de dez persoas trasladarase ao concello de Sobrado dos Monxes. Nun principio, o seu alcalde negárase a recibilos por falta de comunicación co ministerio.
En total, Galicia recibirá algo menos de douscentos inmigrantes, unha cifra moi por debaixo dos catrocentos previstos nun principio. Os que irán chegando estes días sumaranse aos corenta que están aloxados nun albergue privado do Porriño e aos outros corenta repartidos entre A Coruña e Vigo.
O Goberno galego volve reclamar información adicional ao Goberno de España sobre as condicións das persoas que chegan á comunidade, o tempo de estadía e se hai menores de idade.
O executivo central continúa a repartición polas autonomías dos milleiros de inmigrantes que chegan a Canarias para desconxestionar os centros de acollida do arquipélago. Das case 30.500 persoas que chegaron desde que comezou o ano, máis da metade fixérono no último mes.