Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago agarda pechar o conflito con bombeiros e Policía Local este mes

Santiago agarda pechar o conflito con bombeiros e Policía Local este mes

Os traballadores non ven avances significativos no importante: o incremento do cadro de persoal

Recrúan as críticas de PP e PSOE á xestión do Goberno municipal 

Os bombeiros e a Policía Local reclaman un reforzamento do cadro de persoal
G24.gal 14/11/2025 14:16

A terceira rolda de negociacións acabou con boas palabras e co compromiso de pagar as horas pendentes. Para os traballadores, son pequenos avances que non semellan suficientes. Segundo o Sarxente do bombeiros e delegado de persoal da CIG, Xabier Villar, constátase a "boa vontade de Raxoi" pero no é tan optimista con que se solucione o conflito respecto "de que os traballadores volvan a facer horas extraodinarias".

Bombeiros e Policía Local poñen o foco na necesidade "imperativa" de incrementar o cadro de persoal e iso, recoñecen, non é viable a "curto prazo". Desde o Concello, a alcaldesa ve o vaso medio cheo. 

Goretti Sanmartín, confirmou este venres que o prazo que manexa Raxoi para dar luz verde ao pago de parte das horas extraordinarias debidas a policías e bombeiros sitúase a finais da próxima semana. O Goberno local levará a un pleno extraordinario un expediente para satisfacer as gratificacións pendentes entre novembro de 2024 e maio de 2025. A intención é que estas cantidades se aboen na nómina de novembro.

Tras a terceira reunión nunha semana para abordar o resto de demandas do persoal de emerxencias municipal, Sanmartín declarou que "nós agora temos que analizar as propostas e a súa repercusión económica, e en canto teñamos esa análise feita, volveremos convocar ou grupo de traballo para chegar a un acordo".

A alcaldesa fixo fincapé en que a súa vontade é alcanzar ese pacto e "atender na medida do posible esas demandas".

O portavoz do PP, Borja Verea, compareceu ante os medios no parque de Bombeiros para denunciar que a "neglixencia" e "irresponsabilidade" de Sanmartín "está poñendo en perigo a vida dos santiagueses" ao quedar este servizo "inoperativo" nalgunhas xornadas. Xunto a el, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, afeou a "falta de xestión" dun Goberno que ve "absolutamente desbordado".

Tamén se pronunciou este venres sobre o conflito o secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, que ve "unha falta de vontade política evidente". Así, subliñou que a "falta de xestión" e a "falta de diálogo" de Raxoi "leva a que nos atopemos nesta situación absolutamente dramática cos policías e cos bombeiros". Bouza apoiou as demandas do persoal e reclamou unha "solución inmediata" ao Goberno local, ao que acusou de que "non fixo os deberes".

Por este conflito, o parque de bombeiros de Santiago pechou por primeira vez en máis dun século a finais de outubro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar