Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santi Mina recorrerá a súa condena de catro anos de cárcere por abusos sexuais

Santi Mina recorrerá a súa condena de catro anos de cárcere por abusos sexuais

A acusación particular solicitará o seu ingreso en prisión preventiva

Santi MIna adestrando na cidade deportiva do Celta a semana pasada (EFE) Santi MIna adestrando na cidade deportiva do Celta a semana pasada (EFE)
G24.gal 20/07/2023 11:54

A defensa do futbolista Santi Mina anunciou que recorrerá contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA) que confirma a condena de catro anos ao dianteiro do Celta por abusar sexualmente dunha muller en xullo de 2017 en Mojácar (Almería), mentres que a acusación particular solicitará o seu ingreso en prisión preventiva.

A avogada Fátima Magdalena Rodríguez, que representa o futbolista Santi Mina, sinalou a EFE que presentará un recurso de casación perante o Tribunal Supremo (TS), para o cal dispón dun prazo de cinco días.

Tras expresar a súa decepción coa sentenza, asegurou que vai "pelexar como ata o de agora”, e sostivo que Santi Mina, a quen lle queda unha tempada máis de contrato co Celta, seguirá en España á “disposición da Xustiza”, “sen ningún medo” e de forma “respectuosa coa sala”.

Pola súa banda, o letrado Iván Bolaño, que exerce a acusación particular en nome da vítima, sinalou a EFE que aínda ten que analizar “pormenorizadamente” e “ao detalle” a sentenza do TSXA antes de decidir se recorre contra ela en casación ante o TS.

“O que temos practicamente certo é que, seguramente a finais de agosto, por un tema de axenda xudicial, solicitaremos o ingreso en prisión preventiva, tendo en conta a ratificación do TSXA da condena de catro anos de cárcere", adiantou.

Sobre a rebaixa de 50.000 a 25.000 euros da indemnización ao seu cliente, Bolaño sinala que o Alto Tribunal seguiu un “criterio homoxeneizador xurídico” e colleu "outras sentenzas que considerou similares ou homoxéneas con este caso".

“Unha indemnización moral é moi difícil de cuantificar porque son danos etéreos, pero o diñeiro nunca foi a prioridade. De feito, se quitasen toda a indemnización e subisen a pena a oito anos estariamos máis que satisfeitos", asegurou.

Considera que a sentenza do TSXA está “moi ben fundamentada”, aínda que non comparte o criterio relativo á indemnización.

Sobre a eliminación da “superioridade” e a precisión na sentenza de que non houbo ningún tipo de consentimento, asegura que o TSXA vai na mesma liña da Audiencia Provincial, aínda que a redacción da sentenza de instancia podía “levar a confusións”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade