Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Ministerio de Sanidade mantén a vixilancia activa polo estreptococo A

O Ministerio de Sanidade mantén a vixilancia activa polo estreptococo A

Os expertos din que é unha enfermidade moi común, que na maioría dos casos se resolve sen problemas

O Reino Unido eleva a quince o número de nenos mortos

G24.gal 09/12/2022 12:20 Última actualización 09/12/2022 21:41

O Ministerio de Sanidade asegurou que se atopa nunha "vixilancia activa" ante posibles novos casos de enfermidade invasiva por estreptococo A, tras a morte de dous menores e catorce hospitalizados por esta causa na Comunidade de Madrid

Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, está en contacto coas comunidades e cidades autónomas para solicitar información dos posibles casos detectados nas últimas semanas e poder facer unha análise da situación.

Desde o pasado día 19 de outubro ata a data detectáronse dezaseis casos de estreptoco A na Comunidade de Madrid en menores con idades comprendidas entre un e doce anos, segundo indicaron a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade. 

O estreptococo A pode provocar distintas enfermidades, desde farinxite ata pneumonía ou meninxite, pero o habitual é que responda ben ao tratamento con antibióticos. En Galicia, centros de saúde da área de Vigo detectaron casos de infección por estreptococo A, na súa marioría leves. Os pediatras recomendan acudir á consulta se os nenos presentan síntomas de infección respiratoria.

Os expertos din que é unha enfermidade moi común, que na maioría dos casos se resolve sen problemas e que non hai motivo para a alarma social no noso país. Din tamén que o incremento de infeccións ten relación coa explosión viral tras a pandemia.

 Iso si, no caso dos lactantes deben extremarse as precaucións e evitar que teñan contacto con persoas con síntomas respiratorios, así como cumprir estritamente co calendario de vacinación dos pequenos.

O Reino Unido eleva a quince o número de nenos mortos

A primeira alerta sanitaria por estas infeccións activouse no Reino Unido, onde o número de nenos falecidos xa aumentou ata quince.

En Inglaterra, 60 persoas de todos os grupos de idade morreron desde setembro tras ser diagnosticadas cunha infección por estreptococo A, entre elas 23 maiores de 75 anos e 13 menores de 15 anos, segundo os datos da Axencia de Seguridade Sanitaria do Reino Unido. 

Con todo, os expertos subliñan que non se detectaron cepas novas desa bacteria, que é moi común, e atribúen o aumento de casos ás restricións pola covid-19, entre elas o uso da máscara e a redución dos contactos sociais

A Asociación Nacional de Farmacias do Reino Unido alertou esta semana de que se están producindo "interrupcións" na cadea de subministracións de penicilina, mentres que a Asociación de Farmacias Múltiples Independentes asegura que establecementos en todo o país están a ter problemas para reabastecerse de diversos tipos de antibióticos.

O ministro de Sanidade Steve Barclay negou que haxa escaseza e asegurou que a subministración de antibióticos "non é unha preocupación neste momento".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade