A finais de semana xa será obrigatorio o certificado covid nas visitas aos hospitais
Nunha entrevista na Radio Galega, Julio García Comesaña abre a porta a ampliar o uso do certificado a outros ámbitos sanitarios, pero di que agora non está sobre a mesa recuperalo na hostalaría aínda que non o desbota se empeorase a situación
O conselleiro de Sanidade amósase preocupado polo aumento de incidencia e non descarta que "volvamos a unha situación complexa vendo o que pasa noutros países e noutras comunidades autónomas"
O Sergas conta con administrar 29.000 vacinas ó día nos grandes recintos dende o venres para rematar a inoculación das doses de reforzo aos maiores de entre 70 e 79 anos o 30 de novembro e a dos inmunizados con Janssen o 5 de decembro
Comesaña ve “motivacións políticas” na manifestación convocada para reclamar máis recursos en atención primaria que atribúe a unha campaña de desprestixio “fundamentalmente do BNG e ultimamente tamén do PSOE”
O conselleiro de Sanidade explicou nunha entrevista na Radio Galega este domingo que nas próximas horas lle van remitir ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a normativa coa que pretenden facer obrigatorio o certificado covid para os acompañantes dos enfermos hospitalizados.
“Se os prazos no TSXG son os habituais calculamos que cara a finais de semana podería aplicarse”
Julio García Comesaña indicou que suporía que “en calquera momento se lle podería requirir o certificado, ben sexa na planta, ben sexa nos accesos. Calquera profesional podería pedir ese requisito”. E confirmou que a medida se aplicaría ás visitas a enfermos hospitalizados, non aos que acudan con persoas a consultas ou probas diagnósticas. Explicaba que nestes casos, a diferenza dos ingresados, doente e acompañante poden manter a máscara posta todo o tempo.
O conselleiro abriu a porta a ampliar o uso do certificado covid a outros ámbitos sanitarios. Citou, en concreto, pacientes ambulatorios ou inmunodeprimidos. Dixo, en cambio, que non está agora sobre a mesa recuperalo na hostalaría, aínda que non o desbota se a situación empeorase, como medida preferente a retomar os peches no sector.
O titular de Sanidade amósase preocupado polo aumento de incidencia en Galicia nas últimas semanas.
“Non é descartable que volvamos a ter unha situación complexa vendo o que estamos vendo tamén noutros países”
Advertiu de “incrementos practicamente diarios do 5% "aínda que resalta tamén que a nosa comunidade segue a presentar cifras de contaxios moi inferiores ós que se están rexistrando noutras autonomías en España.
Campaña de vacinación
Comesaña adiantou tamén na Radio Galega a planificación coa que traballa o Sergas de cara á reapertura o venres dos puntos de vacinación masiva para a administración de doses de reforzo.
“Administraranse 29.000 doses cada día, unhas 203.000 á semana”
Sanidade traballa co obxectivo de rematar a inoculación desas terceiras doses ós 290.000 galegos de entre 70 e 79 anos o 30 de novembro. Completaríase tamén a administración de doses de reforzo para os 122.000 inmunizados con Janssen na nosa comunidade o 5 de decembro.
Paralelamente, o Sergas conta con rematar o 23 deste mes o reforzo de vacina para os maiores de 80 anos nos centros de saúde. Julio García Comesaña desvelou que o 90% está aceptando recibir ó mesmo tempo a dose contra a gripe.
O conselleiro detallou que ata esta fin de semana se distribuíran xa 375.000 doses de vacinas da gripe, con taxas de adherencia semellantes “ou incluso lixeiramente superiores” aos rexistrados o ano pasado.
Atención Primaria
García Comesaña ve “motivacións políticas” na manifestación convocada este domingo para reclamar máis recursos en atención primaria. Denunciou unha “campaña de desprestixio fundamentalmente do BNG e ultimamente do PSOE que están collendo isto como teima, pero están claramente equivocados e os datos están aí”.
En concreto, resaltou que dende 2008 ata 2021 hai no Sergas en atención primaria 113 médicos máis, 318 enfermeiros máis e 200 prazas máis noutras categorías. En total, 594 profesionais máis traballan en atención primaria”.
“Hai quen se opón sistematicamente a todo, quen critica todo e cando se poñen medidas seguen criticando”
O conselleiro sinalou ademais que o 70% das citas que se piden están sendo concertadas para antes de 2 días e o 90% para antes de 4. E sobre a recuperación da presencialidade, subliñou que xa se está cumprindo o obxectivo marcado para final de ano de que chegar ao 60%.