Sánchez pedirá o aval da militancia para negociar cos independentistas

A pregunta non incluirá referencias á amnistía

ERC avisa que as conversas están encalladas

G24.gal 27/10/2023 16:17 Última actualización 27/10/2023 20:05

Segundo os estatutos do PSOE, o partido só tería que consultar cos militantes sobre o pacto de coalición con Sumar. Pero Pedro Sánchez vai pedirlles tamén opinión sobre as conversas cos independentistas.
 

"A diferenza do que ocorreu en 2019, nesta ocasión tamén imos incorporar se a militancia avala que logremos acordos parlamentarios co resto de formacións políticas que nos permitan lograr a maioría para a investidura", dixo o líder socialista.
 

A pregunta, que non incluirá referencias á amnistía, servirá para calibrar a oposición interna á estratexia do líder socialista. Sánchez confía en que haxa acordos nos vindeiros días, pero desde Esquerra insisten en que as conversas non avanzan.

Polo medio crúzase o malestar dos empresarios ante medidas como a prórroga do imposto extraordinario á banca e ás enerxéticas, pactado con Sumar. A vicepresidenta económica defende a medida fronte ao líder do PP, que este venres apoiaba esas queixas.
 

Alberto Núñez Feijóo cre que "Repsol está mandando a mensaxe de que unha cousa é un imposto excepcional durante un ano e outra cousa é que ese imposto excepcional se converta nun imposto ordinario. Nunca as empresas españolas pagaron tantos impostos".
 

 

E Nadia Calviño respondía que "cada vez son máis os países que están poñendo este tipo de impostos,e, polo tanto, a tendencia está clara. Sorprenderíame que os propios españois sexan os que vaian nunha dirección distinta".
 

Falta un mes para que remate o prazo da investidura e cúmprense 6 anos da declaración unilateral de independencia en Cataluña. A través das redes sociais, Carles Puigdemont reiterou que non renuncian ao que daquela empezaron a construír.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar