Sánchez e Macron asinan un tratado de amizade que reforza a súa colaboración
Comprométense a seguir desenvolvendo as conexións enerxéticas e de transportes
O presidente catalán recibe os mandatarios e marcha antes dos himnos
Ata hoxe, Francia só tiña dous tratados de amizade: con Alemaña e con Italia. E España só un, con Portugal. O Tratado de Barcelona vén a ratificar o bo momento das relacións entre Madrid e París.
No acordo, comprométense a seguir desenvolvendo as conexións enerxéticas, de telecomunicacións e de transporte, a consultárense as grandes decisións de política exterior, a celebraren un cumio anual e mesmo a invitaren cada tres meses un dos seus ministros a participar nos consellos de goberno do outro.
Emmanuel Macron, presidente da República francesa, explicou: "O que queremos facer é fortalecer a relación bilateral, permitirlle ser máis eficaz do que é hoxe en día".
O presidente do Goberno Pedro Sánchez cre que este tratado de amizade e colaboración entre Francia e España non só está reforzando ambos os países: "Está reforzando o noso proxecto común, que é Europa".
Están dispostos a culminar a reforma do mercado eléctrico este mesmo ano, e tamén farán forza para que Bruxelas responda con firmeza ao plan de subsidios dos Estados Unidos, que ameaza con facer fuxir investimentos do continente.
Sánchez explicou: "Nós celebramos que os Estados Unidos se incorporen á transición verde, pero creo que temos que atopar un acordo en que ese compromiso coa transición verde non signifique a desindustrialización de Europa".
O presidente catalán Pere Aragonès saudou os mandatarios á súa chegada a Barcelona pero marchou antes de escoitar os himnos. Di que, contra o que sostén o Goberno, o procés continúa.
"Mentres Cataluña non poida decidir o seu futuro libremente, nin o proceso nin a loita pola independencia remataron e o conflito continúa", dixo Aragonès.
Sánchez agradeceu a presenza de Aragonès e lembrou que noutros cumios semellantes, outros presidentes nin sequera acudiron.