Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez considera "indecente" que Feijóo e Abascal sigan sostendo a Mazón

Sánchez considera "indecente" que Feijóo e Abascal sigan sostendo a Mazón

Sánchez dixo que hai un ano a "neglixencia dun causou unha auténtica traxedia"

Sánchez: "Dá igual que se chame Mazón, Moreno Bonilla, Ayuso ou Mañueco", porque seguen un mesmo patrón baseado en "recortes, mala xestión e mentira"

Mazón responde a Sánchez que "o indecente é tratar de sacar rédito político da dor"

Pedro Sánchez este domingo no acto de precampaña electoral dos socialistas de Catela e León. Foto: EFE/Javier Casares Pedro Sánchez este domingo no acto de precampaña electoral dos socialistas de Catela e León. Foto: EFE/Javier Casares
G24.gal 26/10/2025 13:24 Última actualización 26/10/2025 17:47

O xefe do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, responsabilizou este domingo os líderes do PP, Alberto Núñez Feijóo, e de Vox, Santiago Abascal, de que Carlos Mazón siga á fronte da Comunidade Valenciana, a pesar da súa xestión "neglixente" da DINA.

Pedro Sánchez fixo estas declaracións no acto de clausura dunhas xornadas do PSOE en León, o primeiro acto de precampaña das eleccións autonómicas previstas para o 15 de marzo. Diante de militantes e simpatizantes, Sánchez dixo que hai un ano a "neglixencia dun causou unha auténtica traxedia", pero engadiu que un ano despois o feito de que Mazón continúe como presidente da Generalitat ten dous responsables: o seu xefe político, Feijóo, e o seu principal apoio parlamentario, Abascal.

E tachou de "indecente para os valencianos e para os familiares das vítimas da DINA" o apoio que, segundo insistiu, seguen prestando Feijóo e Abascal a Mazón.

Sánchez equiparou a xestión do presidente valenciano á do resto de baróns autonómicos do PP ao afirmar que "dá igual que se chame Mazón, Moreno Bonilla, Ayuso ou Mañueco", porque seguen un mesmo patrón baseado en "recortes, mala xestión e mentira".

"Primeiro o que fan é recortar os servizos públicos, en segundo lugar, o que fan é mala xestión (...), e en terceiro lugar, menten para tratar de tapar a súa incompetencia e a súa neglixencia", denunciou.

Sánchez, pediu aos socialistas que sexan o "baluarte" do estado de benestar, a xustiza social e a cohesión en todos os territorios.

Eleccións autonómicas de Castela e León, previstas para o próximo 15 de marzo

Sánchez tamén se referiu ás eleccións autonómicas de Castela e León, previstas para o próximo 15 de marzo, e incidiu que calquera cidadán, vote o que vote, sabe que hai que cambiar Alfonso Fernández Mañueco como presidente do goberno autonómico.

Pero non votando a Vox, porque "lle vai apoiar", dixo o presidente do Goberno, para quen en Castela e León hai dúas siglas diferentes, pero que representan o mesmo "proxecto de parálise e de involución" –PP e Vox– e soamente hai unha "alternativa de cambio e de avance", a do PSOE con Carlos Martínez á fronte.

"Todo o demais será continuidade, parálise e decadencia, que é, por certo, o que temos realmente á fronte do PP tamén a nivel nacional", subliñou Sánchez, que preguntou se "alguén sabe onde está Feijóo".

En opinión do secretario xeral do PSOE, "non hai ninguén ao volante" do PP, porque Feijóo "non é xefe da oposición nin tampouco do seu partido" como o demostran "Ayuso e a súa insubmisión para cumprir coas leis, Moreno Bonilla cos seus cribados, Mañueco cos seus incendios ou Mazón".

Salientou Sánchez que desde hai sete anos o único cambio real que propuxo o PP foi cambiar o seu líder.

"Xa van tres e, por certo, cada cal peor", dixo.

Acto seguido engadiu que está por ver quen será o seguinte e recalcou que "alá eles" e que, fronte á "parálise doutros", o PSOE seguirá "gobernando" e "avanzando" con convicción na defensa das políticas públicas.

Asegurou Pedro Sánchez  que os socialistas están preparados para afrontar as eleccións de Castela e León e outras que poidan celebrarse nun "superdomingo" ou "minidomingo", porque no PSOE teñen o proxecto, os equipos e a quen, resaltou, será o próximo presidente da Xunta de Castela e León, Carlos Martínez.

Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana. Foto: EFE/ Morell Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana. Foto: EFE/ Morell

Mazón responde a Sánchez que "o indecente é tratar de sacar rédito político da dor"

O presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, afirmou este domingo que "o indecente é tratar de sacar rédito político da dor e da traxedia, para tapar os escándalos de corrupción que o envolven".

Mazón, nunha mensaxe publicada na súa conta oficial na rede social X, responde así ás manifestacións realizadas hoxe en León polo presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, nas que cualificou de "indecente" que os líderes do PP, Alberto Núñez Feijóo, e de Vox, Santiago Abascal, sigan apoiando o presidente do goberno valenciano a pesar da súa xestión "neglixente" da DINA.

O presidente valenciano replicou a Sánchez que "os seus ataques só poñen en evidencia os fatais erros da Confederación Hidrográfica do Júcar e da Axencia Estatal de Meteoroloxía, que quedaron acreditados e que dependen do Goberno de España".

"O indecente é tratar de sacar rédito político da dor e da traxedia, para tapar os escándalos de corrupción que o envolven", agrega.

E engade:

"O miserable é non dar as axudas a 34.000 familias afectadas pola riada como fai vostede, e o abxecto é afirmar que 'se necesitan axuda, que a pidan'".

 "Xa non ten escusas para non colaborar na reconstrución, como lle pedimos en multitude de ocasións". engade Mazón

E conclúe: "Xa non ten escusas para seguir co abandono ao que ten sometidos os valencianos"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade