Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago manterá a iluminación exterior dos monumentos tras a aclaración do Ministerio

Santiago manterá a iluminación exterior dos monumentos tras a aclaración do Ministerio

O Ministerio aclarou a semana pasada que a iluminación exterior dos monumentos non se ten que apagar

"A temperatura de 19 graos como máxima para a calefacción paréceme perfecta", di Bugallo

Sánchez Bugallo di que despois das vacacións anunciará se vai ser o candidato ás municipais de 2023

G24.gal 09/08/2022 10:23

Xosé Sánchez Bugallo conversa no 'Bos días' sobre o seu mandato á fronte da alcaldía de Santiago de Compostela.

Sánchez Bugallo recuperou a alcaldía de Santiago en 2019 tras ser a do PSdeG a lista máis votada. Comezan a entrevista falando sobre se será o candidato do PSdeG á alcaldía de Santiago para as eleccións municipais de 2023. O actual rexedor da capital de Galicia di que "esa pregunta aínda non ten resposta. Proximamente tomarei a decisión que me pareza máis axeitada pensando sobre todo nos intereses dos composteláns, que para min é o realmente importante".

Na entrevista Sánchez Bugallo agradeceu as palabras da vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, á que cualificou de "boa amiga", quen dixo que "con Bugallo teremos garantida unha persoa moi competente á fronte  da capitalidade galega".

Bugallo, que marcha hoxe de vacacións, concluíu: "Reflexionarei estes días, falarei cos compañeiros de partido e tomarei a decisión que sexa mellor. Pensando no Partido Socialista, pero, volvo repetir, o meu compromiso é cos cidadáns de Compostela e a miña preocupación son os cidadáns de Compostela".

Sánchez Bugallo di que anunciará a súa decisión ao rematar as vacacións porque "non é razoable manter ningunha incógnita máis tempo".

Recoñece que o seu mandato á fronte da alcaldía nestes anos "foi complicado" pola pandemia, e engade: "En Santiago e en toda Galicia, en toda España e probablemente en todo o mundo"

"No noso caso viñamos pensando nun ano santo excepcional e o noso obxectivo principal era preparar a cidade para ese ano santo excepcional e resolver aqueles problemas que foran quedando atascados e parados durante os oito anos anteriores e atopámonos cunha pandemia que lle deu a volta a todas as circunstancias".

Salienta Bugallo que, malia a pandemia, o equipo de Goberno non quixo renunciar ás que consideraban "prioridades de Santiago, que por sorte foran consensuadas con todos os grupos políticos" e cos axentes económicos e sociais.

"Ao final definíronse cinco obxectivos, e teño que dicir con satisfacción que se están conseguindo ou están en marcha. Creo que afrontamos razoablemente ben a crise derivada da pandemia e creo que é obvio que o ano santo está sendo un éxito".

Canto á recente celebración do 25 de xullo, di o alcalde de Compostela: "Creo que foi fantástico. As rúas ateigadas de xente, participación absoluta e os fogos un éxito, tanto o 24 de xullo como o 31".

O alcalde de Santiago tamén quixo agradecer aos traballadores do lixo a sinatura do acordo e que desembocaran a folga que tiña prevista para a semana das festas de Compostela.

Sánchez Bugallo móstrase satisfeito como se está xestionando a chegada masiva de turistas a Santiago, mesmo coa chegada en 24 horas dos 12.000 mozos que chegaron a Compostela para participar nas Xornadas Europeas de Peregrinación.

Sen contar con esta semana puntual, "a diario chegan a Santiago uns 10.000 peregrinos e no centro histórico hai cada día unhas 40.000 persoas e delas só 4.000 son veciños", explica Bugallo, que se mostra moi satisfeito coa chegada de visitantes a Compostela.

"O Ministerio aclarou que a iluminación exterior dos monumentos non se ten que apagar", di Bugallo

Sobre as medidas de aforro enerxético que se van adoptar en Santiago de Compostela, Sánchez Bugallo explica que a semana pasada houbo unha aclaración do Ministerio e que a "iluminación exterior dos monumentos non se ten que apagar".

"Nós fixemos unha consulta, o grupo de cidades Patrimonio da Humanidade fixemos unha consulta ao Ministerio e a contestación é que os monumentos exteriores non se debe que apagar; iso introdúcenos un elemento de tranquilidade".

"Temos unha certa preocupación na zona nova da cidade porque hai que apagar nos establecementos comerciais os escaparates", di Bugallo

Sánchez Bugallo amosouse máis preocupado polas queixas que pode xerar o descenso da iluminación nas zonas comerciais co apagado dos escaparates.

Coa normativa española "é certo que temos unha certa preocupación na zona nova da cidade, porque hai que apagar nos establecementos comerciais os escaparates porque a demanda que temos dos cidadáns é de máis iluminación".

"A normativa europea establece un tope lumínico para evitar contaminación e os veciños queren iluminación, supoño que agora, na zona nova, se queixarán algo máis".

"A temperatura de 19 graos paréceme perfecta", di o alcalde Compostela

Sánchez Bugallo di que a preocupación sobre a temperatura á que debe estar o aire acondicionado "é moi limitada, non temos aire acondicionado. Si a temos na calefacción, pero teño que recoñecer a temperatura de 19 graos paréceme perfecta, nós creo que o tope que estabamos poñendo era 20 graos, non creo que se note a diferenza".

Sobre o aforro enerxético di que aínda non falou coa hostalería e o comercio, que o fará cando todo o tema quede clarificado: "Creo que todos eles serán comprensivos. Se hai unha norma de rango superior, todos estamos obrigados a aplicala, aínda que procuraremos facelo de maneira que ocasione os menores problemas posibles aos veciños".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar