Sánchez propón un pacto de Estado contra os incendios e Rueda demanda máis medios
Sánchez e Rueda visitan o centro de coordinación de incendios en Ourense
Rueda compromete axudas inmediatas aos afectados e pídelle ao Goberno que tamén tramite as indemnizacións axiña
En Ourense Pedro Sánchez amosou a súa solidariedade con todos os afectados polos lumes e puxo o foco nos efectos do cambio climático. O presidente do Goberno anunciou un pacto de Estado para mitigar a emerxencia climática:
"Imos propoñer un pacto de Estado para a mitigación da emerxencia climática do país. Isto compite a todas as administracións públicas pero non só a elas, tamén aos grupos parlamentarios no poder lexislativo, ao conxunto da sociedade civil, á ciencia, á empresa e aos sindicatos."
Alfonso Rueda dixo que a Xunta traballa xa nas axudas para todos os afectados polos incendios:
"Mañá luns teremos unha xuntanza cos técnicos para que as ordes se poidan lanzar inmediatamente, no primeiro Consello da Xunta, e sobre todo para que as ordes sexan fáciles de xestionar por parte dos damnificados e rápidas no aboamento das axudas".
O presidente Rueda explicou que comprometeu "ante o presidente do Goberno esta celeridade por parte da Xunta e pedinlle que se produza esa mesma celeridade nas axudas do Goberno central."
Sánchez asegurou que enviará axuda a Galicia e Rueda pediulle que o faga de xeito inmediato.