Sánchez anuncia 2.520 millóns para bolsas de estudo e Feijóo di que cambiará a lei trans
Pedro Sánchez adianta que se trata da maior partida da nosa historia para este fin
Núñez Feijóo defende a sanidade pública e asegura que a lei trans durará só mentres Sánchez e Podemos estean no Goberno
Pedro Sánchez presentou a candidata á alcaldía de Zaragoza, Lola Ranera. No acto insistiu en que o obxectivo do seu partido é protexer a clase media e traballadora e dereitos como o aborto (de actualidade esta semana), pero tamén a ter salarios e pensións dignas. Explicou que é prioritario reconstruír o Estado de benestar debilitado pola dereita e fixo un anuncio sobre axudas para bolseiros.
"O vindeiro martes, en consello de ministros, imos aprobar a maior partida da historia da democracia en políticas de bolsas de estudo para os nosos mozos. Dous mil cincocentos vinte millóns de euros, que van beneficiar un millón de mozos do noso país e imos garantir a igualdade de oportunidades, vivan onde vivan".
Mentres, Núñez Feijóo apoiaba a candidata a alcaldesa das Palmas, Jimena Delgado. Fixo especial fincapé na defensa da sanidade pública e sobre a lei trans dixo que é "outra chapuza legal" como a do só si é si. Abundando na polémica transxénero, acusou o Goberno de dividir o feminismo e de tentar impoñer unha ideoloxía minoritaria.
"Este colectivo necesita unha lei? Por suposto. Que terá unha lei? Por suposto. Pero que non afectará á dignidade de ninguén e non afectará aos menores, que sen ter exactamente formada a súa vontade de forma definitiva non deixaremos que eses menores tomen decisións das que se poden arrepentir toda a súa vida. Non o faremos".