Ryanair non suspende ningún voo en Galicia no primeiro día da folga de azafatas
Os sindicatos convocadores aseguran que a compañía está a incumprir decreto de servizos mínimos e anuncian que irán aos tribunais
A normalidade total nos voos de Ryanair que saían do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago está mañá provocaba certo asombro entre os propios pasaxeiros, que prevían que a folga se notase algo. E o mesmo sucedía nas chegadas. Desde Barcelona, Sevilla, Madrid e Bordeos, os voos da compañía irlandesa de baixo custe aterraban a tempo e con normalidade case total.
Esa eficacia da compañía nun día de folga provocou indignación entre os traballadores que secundaban a protesta. Os servizos mínimos eran o 73 % para voos nacionais e illas e 53 % para os internacionais.
"O que pasou é que Ryanair directamente puxo o 100 % dos voos protexidos saltando a toureira a lexislación laboral deste país", explica Miriam Jurado, azafata de Sitcpla.
"Os equipos de avogados dos sindicatos xa están traballando para denunciar estes servizos mínimos abusivos, pero claro, ese recoñecemento xudicial sería a posteriori e o dano xa está feito", lamenta Marta Melón, azafata de USO.
Os traballadores -a tripulación de cabina- están en folga porque din que a compañía non respecta a lexislación laboral española. Acúsana de non retribuir as imaxinarias e de recurtar o dereito a vacacións e festivos. Tamén dun abuso de subcontatación.
Ryanair xa foi condenada o ano pasado pola Audiencia Nacional por conculcar o dereito á folga dos traballadores.