Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia e Ucraína pactan intercambiar prisioneiros e estudar un cesamento do fogo e un cumio Putin-Zelenski

Rusia e Ucraína pactan intercambiar prisioneiros e estudar un cesamento do fogo e un cumio Putin-Zelenski

Os dous países en guerra inician a primeira negociación directa desde o ano 2022, nunha xuntanza de apenas dúas horas en Istambul

As delegacións pecharon un acordo para intercambiar mil prisioneiros de guerra por cada bando

"Hai dous camiños: un cara á paz, o outro cara á destrución", dixo o ministro turco de Exteriores, Hakan Fidan, ao inicio da reunión

Europa empraza a Putin a sentar a negociar con Ucraína e ameaza con máis sancións

(Ministerio de Exteriores de Turquía/Arda Kucukkaya/vía Reuters) (Ministerio de Exteriores de Turquía/Arda Kucukkaya/vía Reuters)
G24.gal 16/05/2025 12:58 Última actualización 16/05/2025 16:52

Rusia e Ucraína comezaron este venres en Istambul, con mediación de Turquía, a súa primeira reunión directa desde o ano 2022 para tentar buscar unha solución negociada á guerra provocada pola invasión rusa.

A reunión durou menos de dúas horas.

En canto aos resultados prácticos, o que ata o de agora transcendeu é que os dous países acordaron presentar proximamente plans para o cesamento do fogo, que serán estudados polos dous bandos, efectuar un troco de mil prisioneiros de guerra cada un. e un posible cumio entre os presidentes de ambos os países, o ruso Vladímir Putin e o ucraíno Volodimir Zelenski.

"Consideramos conveniente a continuación das negociacións", dixo Vladimir Medinski, negociador en xefe ruso, nunha comparecencia posterior, na que se amosou "satisfeito cos resultados".

"A parte ucraína solicitou negociacións directas entre os xefes de Estado. Tomamos nota desa proposta", dixo o asesor do Kremlin.

O xefe da delegación ucraína, o ministro de Defensa, Rustem Umérov, confirmaba o acordo para intercambiar prisioneiros: "O resultado é un intercambio de mil persoas, mil por mil. Ese é o noso resultado da reunión de hoxe".

O xefe da delegación ucraína afirmou que ambos os bandos xa fixaron unha data para o intercambio pero dixo que non pode revelala aínda.

Umérov sostivo que o outro tema tratado na reunión foi a posibilidade de declarar un cesamento do fogo.

"Falouse de todas as modalidades (posibles). Agora os nosos colegas intercambian documentos", dixo Umérov en referencia ao persoal de perfil máis técnico que participa nas negociacións.

"Tamén preparamos unha potencial reunión entre os líderes de ambos os países", agregou o ministro en referencia a un posible encontro entre os presidentes Volodimir Zelenski e Vladimir Putin.

Preguntado sobre os próximos pasos, Umérov contestou que se coñecerán unha vez se faga o intercambio de prisioneiros.

O ministro de Defensa ucraíno explicou que a esixencia rusa de que Ucraína renuncie a todo o territorio das catro rexións parcialmente ocupadas que Moscova declarou como parte da Federación de Rusia no primeiro ano da guerra non se abordou no encontro de Istambul.

Umérov insistiu en que, por orde do presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, os ucraínos só tiñan na axenda o cesamento do fogo e o intercambio de prisioneiros. 

"Hai dous camiños: un cara á paz, o outro cara á destrución"

"Temos que avanzar cara á paz. Cada día que perdemos significa perder vidas. Hai unha oportunidade para un cesamento do fogo ao mesmo tempo que as negociacións", sinalaba o ministro de Exteriores turco, Hakan Fidan, ao comezo do encontro.

Fidan aseguraba que "hai dous camiños: un cara á paz, o outro cara á destrución" durante a súa intervención para inaugurar a reunión no Palacio Dolmabahce de Istambul ante a delegación ucraína, liderada polo ministro de Defensa, Rustem Umérov, e a rusa, dirixida polo asesor do Kremlin, Vladimir Medinski

Da delegación ucraína forman parte tamén o ministro de Exteriores, Andrí Sibiga, e o xefe da oficina da Presidencia, Andrí Yermak.

Fidan empezaba o seu discurso subliñando a importancia de que o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, e o ruso, Vladimir Putin, "prestasen oídos aos chamamentos para negociar" do presidente estadounidense, Donald Trump, e do turco, Recep Tayyip Erdogan.

"É importante que estas conversacións poñan os fundamentos para un encontro dos líderes", agregaba na súa alocución, difundida en directo polo Ministerio de Exteriores turco.

O ministro desexou ás dúas delegacións "éxito nas conversacións pola paz".

Xa antes desta reunión tripartita, Istambul foi centro esta mañá dun maratón de encontros: primeiro entre Turquía, Ucraína e os Estados Unidos e logo entre representantes de Washington e Moscova.

O secretario de Estado dos Estados Unidos, Marco Rubio, chegou esta mañá á megalópole turca, procedente de Antalya, onde participou no encontro de ministros de Exteriores da OTAN, e participou polo menos no primeiro encontro, informou a axencia turca Anadolu.

O propio Rubio rebaixou onte o nivel de optimismo sobre as negociacións en Istambul e dixo que non ten "expectativas moi altas".

"Francamente, é evidente que a única forma de desbloquear esta situación sería cunha conversación entre o presidente Trump e o presidente Putin. Requiriríase unha participación dese nivel", explicou Rubio desde Antalya.

Zelenski reuniuse onte en Ankara con Erdogan, á espera de se Putin recollía a luva que lle lanzaba de verse en persoa en Istambul.

Putin, finalmente, decidiu non participar, o que motivo que Zelenski abandonase Turquía para participar hoxe nun cumio político europeo de alto nivel en Albania, á que tamén acudiu Erdogan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade