Rusia e Ucraína intercambian ataques a infraestruturas básicas
Kíiv bombardea un depósito de cru en territorio ruso
Moscova ataca unha instalación eléctrica preto da capital ucraína
Ucraína avanza no sur e Rusia trata de recuperar posicións no leste
Moscova acusou a Ucraína de bombardear un depósito de cru na rexión rusa de Bélgorod, preto da fronteira. O bombardeo ocorreu horas antes de que as sirenas advertisen de novo en Kíiv dun ataque aéreo ruso, que finalmente afectou unhas instalacións eléctricas preto da capital.
Putin dixera este venres que de momento paraba os ataques masivos contra estas infraestruturas ucraínas, polo que hai voces que vencellan ambos os dous bombardeos.
Mentres, Rusia admite que o exército ucraíno incrementou a súa contraofensiva na rexión de Khersón, no sur. Kíiv di que Moscova se cingue alí a tratar de defender posicións e que pasa o mesmo en Mykolaiv e en Zaporijia.
Asegura que está causando moitas baixas entre as forzas rusas. Estas tamén afirman que frustraron un desembarco do Exército ucraíno na zona da central nuclear e que aniquilaron máis de medio cento de militares.
Ao tempo continúa a batalla polo leste, onde Rusia pelexa por recuperar as posicións perdidas nas últimas semanas.
Pode aterrorizar pero non gañar
Zelenski puntualiza que Moscova aínda pode aterrorizar as cidades e chantaxear o mundo, pero non gañar a guerra.
Putin anunciou que en dúas semanas completará a mobilización dos 300.000 reservistas que chamou á fronte, pero Ucraína di que serán só carne de canón. A intelixencia británica coincide en que os mobilizados parten mal equipados.