Rusia ataca Kíiv durante a visita do secretario xeral da ONU
Dous mísiles impactaron sobre un distrito do centro da cidade
António Guterres reuniuse con Zelenski, ao que lle recoñeceu o fracaso das Nacións Unidas para parar a guerra
Guterres esíxelle a Rusia que colabore na investigación sobre os crimes de guerra
António Guterres recoñeceu diante do presidente Zelenski o fracaso do Consello de Seguridade da ONU para impedir a guerra e agora para poñerlle fin. O secretario xeral das Nacións Unidas comprometeu todo o apoio a Ucraína para lograr un alto o fogo canto antes. E insistiu en que a xustiza debe investigar escrupulosamente se se cometeron crimes de guerra.
Como xa fixera previamente, na súa visita a Bucha e Borodyanka, esixiulle ao Kremlin a máxima colaboración coa Corte Penal Internacional.
A situación de Mariupol foi un dos asuntos clave na reunión. Guterres afirmou que Nacións Unidas está facendo todo o posible en colaboración coa Cruz Vermella para poder evacuar os centos de soldados e civís refuxiados na planta de Azovstal. Pero de momento non hai resultado.
As autoridades ucraínas aseguran que nas últimas 24 horas houbo 50 ataques aéreos sobre Mariupol. O exército ruso intensificou tamén os combates na provincia de Khárkiv e na de Khérson, onde controla xa boa parte do territorio e onde as milicias prorrusas anuncian que a partir da semana que vén van impoñer o uso do rublo, a moeda oficial rusa.
Os dous mísiles caeron na rúa Tatarskaia de Kiev, no distrito de Shevchenkivskii. Un deles impactou nun edificio residencial e causou varios feridos.
O outro proxectil caeu sobre unha empresa chamada Artem, á que ao parecer ía dirixido o ataque por tratarse dunha fábrica de mísiles.
Segundo as primeiras testemuñas, os impactos causaron feridos pero non se sabe de vítimas mortais.
"Esta noite, o inimigo disparou contra Kiev. Foron dous golpes no distrito de Shevchenkivskii. Todos os servizos de emerxencias están no lugar. Está a aclararse a información sobre posibles vítimas", escribiu na súa canle de Telegram o alcalde Klitchkó.
Tamén informou sobre o ataque o asesor do presidente Volodimir Zelenski, Mikhailo Podoliak, quen subliñou que o bombardeo tivo lugar durante a visita de Guterres.
"O día anterior estaba sentado nunha longa mesa no Kremlin e hoxe hai explosións sobre a súa cabeza. Unha postal de Moscova?", escribiu na súa conta de Twitter.