Rueda salienta o plan galego para mellorar a atención a persoas con enfermidades raras
Alfonso Rueda lembrou que Galicia ten en marcha desde o pasado verán unha estratexia de Enfermidades Raras de 400 millóns de euros
En Galicia hai máis de 5.000 persoas diagnosticadas
As enfermidades raras afectan a máis de 5.000 galegos. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta semana coa directora sociosanitaria da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), Carmen López, e o membro da xunta directiva, Rocío Varela.
Durante o encontro, Rueda puido coñecer de primeira man as inquietudes e proposta da entidade, que conta con máis de 700 socios e máis de 4.000 beneficiarios.
No encontro, abordouse a nova Estratexia en enfermidades raras 2025-2030, aprobada pola Xunta o pasado verán e que supón un investimento de 400 millóns de euros. Así, a prioridade é "mellorar a accesibilidade aos diagnósticos avanzados e aos tratamentos que melloren a calidade de vida dos pacientes".
Tamén, na reunión, na que participou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, abordouse a conmemoración o próximo 28 de febreiro do Día mundial das enfermidades raras, que a federación celebrará na cidade de Lugo para visibilizar estas doenzas.