Rueda di que convocará as eleccións cando lle conveña aos intereses de Galicia
O presidente da Xunta cre que estaría ben que cadrasen coas vascas, pero que iso non será un condicionante

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou que "estaría ben" que as eleccións vascas e galegas previstas para 2024 poidan coincidir no mesmo día, pero sen que iso sexa "condicionante" para ambas as autonomías.
"Cada un ten as súas circunstancias e teremos que tomar decisións en función do que máis lle conveña a cada territorio", subliñou Rueda cando lle preguntaron sobre a posible convocatoria electoral en Euskadi para o 9 de xuño de 2024, o mesmo día ca as eleccións europeas.
O presidente galego lembrou que nas últimas convocatorias "fixéronse conxuntamente" as eleccións en Galicia e o País Vasco e foi "unha boa coincidencia", pero insistiu en que iso non será "maior condicionante" para ningunha das dúas comunidades.
"Non tomarei a decisión de convocar eleccións pensando noutra cousa que non sexan os intereses de Galicia", reiterou Rueda.
Lembrou que "se estivésemos a pensar nunha perspectiva puramente electoral", as eleccións galegas convocaríanse xunto coas pasadas xerais de xullo.
Se fose así, segundo o titular da Xunta, o PP lograría un "moi bo resultado", ao rexistrar en Galicia a maior porcentaxe de apoio aos populares.
Galicia nestes momentos, subliñou o presidente autonómico, necesita "estabilidade e certeza" e que o seu Executivo siga gobernando "con normalidade e resolvendo problemas" para "facer fronte á parálise" que atravesa España.