Rueda defende en Bruxelas que se manteñan fondos específicos para a pesca e a agricultura
O presidente da Xunta interveu nun encontro con eurodeputados españois populares e socialistas, en calidade de representante da delegación española no Comité das Rexións
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este mércores en Bruxelas que as rexións poidan participar no deseño e na repartición dos fondos europeos e que se manteñan asignacións específicas para a pesca e a agricultura no próximo marco financeiro comunitario 2028-2034. Así o dixo nun encontro con eurodeputados españois populares e socialistas, onde o xefe do Goberno galego interveu en calidade de representante da delegación española no Comité das Rexións.
Alfonso Rueda destacou a unidade, por riba de cores políticas, na defensa dunha maior cogobernanza das rexións na xestión dos fondos europeos e na demanda dun orzamento claro e diferenciado para cada rexión para poder traballar con previsión respecto a eses fondos. O presidente da Xunta agarda en que a Comisión Europea escoite a petición de España na elaboración do marco financeiro, e, do contrario, insta a mellorar a relación do Goberno e as comunidades na xestión dos fondos.
"A recentralización dos fondos (proposta pola Comisión) non é boa. Un estado tan descentralizado como España demostrou que se desenvolveu moito máis traballando de xeito descentralizado". Volvo ao exemplo dos Next Generation, que se tiveran xestionado moito mellor", afirmou Rueda.
O presidente da Xunta Galicia volveu esixir tamén que nos próximos presupostos comunitarios non desaparezan os fondos específicos a agricultura e a pesca. Asegura que. de non ser así, Galicia quedaría nunha posición moito peor respecto á soberanía alimentaria e que colocaría o sector pesqueiro galego nun "lugar demoledor" na competencia con terceiros países.