Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta abonará esta semana as axudas para reconstruír as vivendas destruídas polos incendios

A Xunta abonará esta semana as axudas para reconstruír as vivendas destruídas polos incendios

Rueda afirma que no mes de agosto arderon 120.000 hectáreas en Galicia e o lume calcinou 41 casas, 13 delas primeiras residencias

A Xunta pídelle ao Goberno a creación dunha base permanente da UME en Galicia, situada no concello ourensán de Toén

O Goberno galego asumirá a limpeza que non fan os concellos, sancionará os propietarios que non limpan os terreos e permitirá “lumes técnicos” en Rede Natura na primavera

 

directo EFE/J. Lavandeira
G24.gal 09/09/2025 08:36

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cifra en 120.000 hectáreas o total de superficie queimada no mes agosto en Galicia. Foi no Parlamento, onde compareceu a petición propia para explicar a xestión do seu departamento ante a vaga de incendios deste verán.

O xefe do executivo galego fixo balance dos danos causados polo lume en Galicia: 120.00 hectáreas das que o 31 por cento corresponde a superficie arborizada, o 69 por cento a monte raso e o resto a outro tipo de terreos. "Isto non é minimizar nada -indicou-. É dicir a verdade".

Abono inmediato das axudas aos que perderon as súas vivendas

Rueda explicou que, durante a crise incendiaria, máis de 400 persoas foron evacuadas das súas casas na comunidade galega e máis de 2.000, nalgún momento, tiveron que ser confinadas. Unhas 144 vivendas víronse danadas polas chamas, das que 13, precisou o presidente galego, son vivendas habituais e 28 segundas residencias.

O presidente anunciou que esta mesma semana, a Xunta abonará as primeiras axudas para reconstruír estas vivendas.

Petición para crear en Toén unha base permanente da UME

O presidente agradeceu o esforzo dos equipos de extinción e tamén da veciñanza, que actuaron "de xeito exemplar en circunstancias moi dificíles". Nunha situación extraordinaria vin a resposta extraordinaria dun pobo extraordinario", sinalou.

Segundo dixo, o dispositivo que traballou en Galicia este verán, formado por uns tres mil efectivos,  foi "de primeiro nivel", pero recoñece que  "ningún medio é dabondo". Agradeceu o apoio dos 500 efectivos da UME e dos arredor de trescentos millitares procedentes doutras unidades do exército pero pide máis. 

Anuncia que se dirixirá de inmediato ao presidente do Goberno e a ministra de Defensa para solicitar a creación dunha base permanente da UME en Galicia, que se situaría no concello ourensán de Toén.

A Xunta asumirá os traballos de limpeza que non fan os concellos e multará os que non teñan o monte limpo

Pero ademais, o presidente galego pon o foco na prevención,  na necesidade de mellorar os traballos de limpeza dado que actualmente “hai propietarios e concellos que non acaban de entender a importancia de manter limpos” os montes e as leiras.

Neste senso avanza que a Xunta modificará o convenio que mantén en vigor coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para asumir a competencia de limpeza das faixas secundarias nos municipios de menos de 10.000 habitantes, así como permitir “lumes técnicos” en Rede Natura nos meses entre abril e xuño.

Deste xeito, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) asumiría os traballos de limpeza e, posteriormente, “pasaría despois a factura aos propietarios e tamén a sanción, que sería tramitada desde a Xunta de Galicia”. Segundo o presidente, “hai veciños aos que nos lles dá a gana nin de limpar nin de deixar que lles limpen”.

 

Queimas controladas na Rede Natura

Doutra banda, o presidente galego tamén remarcou a intención de simplificar a obtención dos permisos para facer rozas e queimas controladas.

Nesta liña, propuxo que, co permiso oportuno, se podan acometer “lumes técnicos” en Rede Natura entre os meses de abril e xuño para minimizar o risco no verán.

Así, incrementaranse do 20 % ao 30 % a superficie de matogueira que se poderá rozar nestes espazos e do 5 % ao 10 % o máximo no que se poden facer queimas nesta zona protexida.

 

O presidente confirmou que a día de hoxe hai 35 persoas investigadas en Galicia e 17 detidas acusadas de provocar incendios forestais. Se se demostra a súa responsabilidade, dixo, "espero que o peso da xustiza caia sobre eles". 

O presidente fai unha chamada ao consenso dos grupos políticos

Durante a súa comparecencia, o mandatario autonómico pediulle aos grupos da oposición que tomen nota do sucedido para que todos poidan "extraer leccións para evitar, se é posible, que volva pasar", en presenza dos alcaldes dos territorios queimados tanto do PP como do BNG e do PSOE que seguen a comparecencia desde a tribuna de invitados.

Insistiu en chamar ao consenso porque, ao seu xuízo, por unha vez, esta catástrofe o pobo e os seus dirixentes vivírona "unidos" e pediu que así sigan porque nunha cuestión como os incendios forestais "non debería haber diferenzas nin divisións máis aló dos puntos de vista políticos" de cada grupo. "Propóñolles, que por unha vez, fagan como imos facer nós. Escoitar e tentar chegar a acordos".

Na súa comparecencia, que marca o arranque de curso político en Galicia, Rueda indicou que contar a verdade "non é minimizar nada".

"Nin esquecemos, nin esqueceremos o sucedido este mes: 673 lumes, case 30 diarios en 62 municipios galegos. "Cada hectárea que ardeu percibímola coma se fose propia", sinalou, e "aos afectados dígolles que non están sos, porque Galicia enteira os acompaña".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade