Rueda anuncia un novo plan de residencias para crear 1.800 prazas máis de maiores
A iniciativa promoverase a partir do vindeiro mes de setembro para apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes a construir, reformar ou ampliar centros públicos de maiores
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo balance este mércores en Piñor (Ourense) do plan de investimentos en centros de maiores en Galicia, que remata ao final do verán con 700 novas prazas públicas en residencias e centros de día.
O xefe do Goberno galego avanzou que en setembro comezarán a impulsar un novo plan de residencias para sumar outras 1.800 prazas na rede pública.
O acto celebrouse ao carón da nova residencia de Piñor, que está a piques de estrearse e que terá capacidade para 40 persoas.
Apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes
O presidente lembrou que o obxectivo desta iniciativa era apoiar os concellos de menos de 20.000 habitantes a construir, reformar ou ampliar centros de maiores para darlle servizos ao rural e axudalos a fixar poboación.
No primeiro plan, dotado de 18,5 millóns de euros de fondos europeos, realizáronse 24 proxectos: 16 na provincia de Ourense, tres na da Coruña e Pontevedra e dous na de Lugo. A maioría das obras xa están rematadas ou a piques de acabar e suporán ampliar a rede pública de atención aos maiores con 703 novas prazas: 569 en residencias e 134 en centros de día.