Rubén Fernández repite no podio diante dos seareiros galegos
O Grande Premio de Lugo volveu amosar a mellor versión do piloto galego que acabou de terceiro, só por detrás de Febvre e Coenen
Rubén Fernández repetiu no podio no Mundial de Motocrós. E fíxoo no Gran Premio máis especial para el, o que se correu en Galicia no circuíto Jorge Prado de Lugo. Despois dunha carreira de cualificación na que tivo problemas por mor dunha caída Fernández refíxose e estivo moi sólido nas dúas mangas do domingo.
Na primeira manga saíu ben e púxose no terceiro posto só por detrás de Febvre, o líder do MXGP, e do seu compatriota Renaux. Apenas houbo intercambios de posicións entre os primeiros e rematou dese xeito a carreira.
A segunda tivo unha película máis movida e entretida. Coenen colleu o mando, seguido por Vlaanderen. Rubén Fernández volveu saír na terceira posición e aí rodou durante vinte minutos. Febvre non estivo fino de inicio pero conforme pasaban as voltas escalou posicións. Pasoulle a Rubén e a Vlaanderen e acabou no segundo posto. Ese resultado permitiulle levar a vitoria por diante dun Coenen que está a ter unha estrea estelar no MXGP. Gañou cinco das seis últimas mangas.
Primeiro posto final para Febvre, máis líder do Mundial. Coenen acabou no segundo chanzo e Rubén Fernández foi o terceiro, un premio para unha boa fin de semana do piloto vigués.
