Rouban móbiles por valor de 9.000 euros nunha tenda de Viveiro
A policía busca os autores do asalto, que actuaron a cara descuberta para levar os aparellos, todos de alta gama
Unha tenda de telefonía da céntrica praza de Lugo, en Viveiro, foi asaltada por varios mozos a cara descuberta. Tras ameazar as dependentas, os atracadores fixéronse con media ducia de móbiles de alta gama, valorados cada un deles nuns 1.500 euros, e marcharon correndo.
"Pasou a policía preguntándonos polas cámaras de seguridade que tiñamos, para ver se captaran algunha imaxe", conta Pilar Corgos, comercial dunha óptica.
"Vimos correr uns rapaces, pero podía ser alguén que tivese présa. Ninguén pensaba niso, ata que veu avisarnos a rapaza do local", di Ana Fernández, dependenta dunha tenda.
"Veu a policía e pedíronnos imaxes. As cámaras enfocan cara á porta, e vese por completo a cara de dous dos mozos", engade Noa Martínez, que traballa noutro comercio.
En total, o valor do botín ascende a uns 9.000 euros. A raíz deste asalto, que está a ser obxecto dunha investigación policial, nos comercios da contorna din estar preocupados.
"Temos un pouco máis de medo. Foi a un veciño, que é como se fose a nós. A policía vén con máis frecuencia, pero parécenos que tiña que estar máis aínda", sinala Ana Fernández.
"Estivemos tomando máis medidas de precaución. Isto non adoita pasar aquí, e collemos un pouquiño de medo. Entón estamos máis alerta, coas cámaras e con vixilancia", agrega Pilar Corgos.
Así e todo, dende a asociación de comerciantes do centro da vila consideran que o acontecido foi un feito illado.